Ana Pontón esixe a Feijóo que "dea a cara" ante unha "Gürtel que naceu en Galicia" e un "PP dopado con diñeiro negro"

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG
EUROPA PRESS
Publicado: sábado, 26 mayo 2018 14:17

   A portavoz nacional do BNG insta a secundar a folga convocada pola CIG o 19 de xuño para que sexa "unha moción de censura na rúa a Feijóo"

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 May. (EUROPA PRESS) -

   A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, esixiu ao presidente da Xunta e do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que "dea a cara" ao entender que "a Gürtel naceu en Galicia", con Pablo Crespo, condenado a 37 anos e medio de prisión, como secretario de organización dun partido que "roubou a mancheas" e que chegaba ás eleccións "dopado con diñeiro negro".

   Na súa intervención en Santiago no Consello Nacional, no que o BNG seguiu avanzando na súa estratexia para as eleccións municipais de 2019, Ana Pontón fixo balance da situación política actual, marcada pola "deriva reaccionaria do Estado", a "corrupción sistémica do PP" e a "submisión de Feijóo a Rajoy".

   Así, por mor da sentenza do caso Gürtel que, en palabras de Ana Pontón, "confirma que o PP é oficialmente o primeiro partido europeo condenado por corrupción", o BNG presentou esta semana a petición dunha convocatoria de pleno extraordinario e urxente para que "Feijóo dea a cara sobre a corrupción do seu partido".

   Pontón insistiu en vincular a trama co Partido Popular de Galicia, lembrando que "un dos seus principais actores foi o ex responsable de organización do PP", en referencia a Pablo Crespo, ao que definiu como "man dereita de Fraga" e sobre o que afirmou que "Feijóo mantivo no Consello de administración de Portos de Galicia".

   "Ese mesmo Pablo Crespo que en 2013 recoñecía nun programa en televisión que o 65% do diñeiro das campañas electorais do partido en Galicia era diñeiro en negro", remarcou.

   Baixo esta perspectiva, esixiu a Feijóo que explique os vínculos da Gürtel co PP de Galicia e a súa postura ante a continuidade da dirección do partido e do goberno de Mariano Rajoy.

   Centrou así parte da súa intervención nunha sentenza que ratifica, proseguiu, que "había caixa B, que se cobraban sobresoldos en negro, incluídos os dese misterioso M punto Rajoy e que o PP tanto no Estado como en Galicia tiña montado un auténtico e eficaz sistema de corrupción institucional".

   Pero, ante isto, denunciou que Rajoy se "empeña en minimizar" os feitos recollidos na sentenza tachándoos de "mazás podrecidas", cando, ao seu xuízo, "aquí o que está podrecido é o cesto completo do PP".

   "Queda claro que o PP é unha organización corrupta, que roubou diñeiro a mancheas, que alterou a libre competencia na adxudicación de contratos, que provocou sobrecustos millonarios en obras públicas, que xogou con vantaxe nas eleccións porque era un partido dopado con diñeiro en negro", profundou Ana Pontón.

   Unha trama de corrupción que a portavoz do BNG sostén que provocou os posteriores recortes públicos. "E detrás dese latrocinio, desa corrupción sistémica e detrás dese ventaxismo electoral están os recortes que tanto sufrimento levan causados a miles de persoas", denunciou.

   Atribuíu así os recortes sociais e económicos ao intento de "equilibrar as contas públicas" tras o "roubo en cobro de comisións e mordidas a amiguetes do PP que despois financiaban as súas campañas".

FOLGA XERAL, "MOCIÓN DE CENSURA NAS RÚAS" A FEIJÓO

   Na folla de ruta do BNG para os próximos meses figura de forma esencial a convocatoria de folga realizada para o 19 de xuño pola CIG. Pontón instou a secundar a cita "como unha auténtica moción de censura na rúa a Feijóo", "ás súas políticas antigalegas" e "ante a corrupción do PP e a podremia que rodea o réxime do 78".

   "Este 19 de xuño temos que parar para avanzar", proclamou.

   Pontón apelou así á "sociedade mobilizada" para lograr a "transformación radical do país", para "pasar folla dos anos escuros do PP" e abrir un "tempo novo" en Galicia, no que "o BNG aspira a ser a referencia".

   Nesta liña, os comicios de 2019 son para o BNG unha "oportunidade" para "desaloxar as políticas de recortes", "a propaganda e mentira institucionalizada" e "a submisión que conduce a Galicia á irrelevancia política".

   Pontón avanzou que os nacionalistas afrontan "con optimismo" unhas eleccións que cre que chegarán "nun momento álxido" para a formación, que se presenta "cun proxecto solvente e cohesionado" e co "aval" da "honradez e responsabilidade" dos seus gobernos nos municipios nos que están presentes.

CANDIDATOS ANTES DO 25 DE XULLO

   Na reunión do Consello Nacional, máximo órgano entre asembleas, Pontón reiterou que o BNG terá designados os seus candidatos "antes do 25 de xullo". Serán unhas cabezas de lista que "combinarán experiencia e renovación" e "porán a cara ás propostas programáticas" do BNG.

   Pontón afronta as eleccións municipais con "optimismo" e como "preámbulo" ao "cambio político que precisa Galicia" e que o BNG "aspira a liderar", "deixando atrás as políticas que crean desigualdade, emigración e que negan a Galicia como nación".

   Pero o balance do panorama político de Ana Pontón ha pivotado non só na trama Gürtel senón tamén en dous "titulares" máis, a "represión na que segue enrocado o Estado español" e a "submisión de Feijóo ao goberno de Rajoy".

   Así, censurou a "deriva reaccionaria" e "antidemocrática" de España que atribúe á aplicación do artigo 155, "cun Estado español tirado ao monte" e "empeñado en criminalizar calquera discrepancia ao fracasado réxime do 78".

   En segundo lugar, arremeteu tamén contra Feijóo, ao acusalo de conducir a "Galicia á irrelevancia política" ao estar "instalado na súa subordinación a Rajoy".

   Unha afirmación que sustentou en feitos como o acordo subscrito entre Fomento e Xunta para o uso público de terreos portuarios da Coruña. Pontón tachouno de "protocolo da vergoña" e apuntou que a Xunta "lle regalará 21 millóns de euros" a Portos do Estado.

   No entanto, Ana Pontón quixo tamén pór de manifesto "que non todo é negativo". "A pesar da deriva reaccionaria do Estado, da corrupción sistémica do PP e de ter a un Feijóo que é parte do problema e non a solución, asistimos a unha inmensa mobilización social en Galicia".

   Así, fixo un chamamento a mobilizar á "cidadanía activa e reivindicativa" e "que non se resigna".

RECLAMACIÓNS APÓS A CATÁSTROFE DE TUI

   A súa intervención ante o medio centenar de participantes no Consello Nacional iniciouse cun aplauso en solidariedade cos afectados da catástrofe de Tui, e coa reclamación de que se realice unha "investigación a fondo", depúrense " responsabilidades" e se impulsen "medidas e controis" para evitar que se repita unha situación similar.