Manuel Reigosa, novo reitor da Universidade de Vigo

   VIGO, 23 (EUROPA PRESS)

   O catedrático de Fisioloxía Vexetal, Manuel Reigosa, foi elixido este luns novo reitor da Universidade de Vigo, con máis de 2.480 votos, e un respaldo maioritario dos estudantes, impóndose ao outro candidato, Emilio Fernández, que logrou algo máis de 1.600 apoios, segundo fixo público a Universidade cun 96 por cento do escrutinio realizado.

   Así, das máis de 20.200 persoas con dereito a voto, acudiron ás urnas instaladas no tres campus algo máis de 4.100, e a participación maior rexistrouse entre os docentes, especialmente os profesores doutores con vinculación permanente á institución académica.

   O voto para elixir o reitor ou reitora é ponderado por sectores, e corresponde un 51 por cento ao profesorado doutor con vinculación permanente á Universidade; un 9 por cento ao resto de persoal docente e investigador; un 30 por cento ao alumnado; e un 10 por cento ao persoal de administración e servizos.

   A poucos votos de finalizar o reconto, e despois da ponderación que rexe o sistema de elección de reitor, Manuel Reigosa conseguiu case o 58 por cento dos votos, fronte a pouco máis do 42 por cento que tivo Emilio Fernández.

   Reigosa foi o aspirante máis votado tanto polos docentes como polo persoal de administración e servizos e, sobre todo, polos estudantes. Os apoios por parte do profesorado doutor con vinculación permanente á Universidade estiveron repartidos de forma equilibrada entre os dous candidatos e a diferenza a favor de Reigosa entre o resto de docentes non foi moi grande; no entanto, a balanza inclínase rotundamente ao seu favor no caso do PAS e, sobre todo, dos alumnos.

'A UNIVERSIDADE DÁS PERSOAS'

   Reigosa, que xa desempeñou labores de vicerreitor durante o mandato de Alberto Gago, exerceu unha oposición crítica co equipo de goberno saínte, liderado por Salustiano Mato, e presentouse nesta contenda electoral esgrimindo o lema de 'A universidade das persoas'.

   Este catedrático baseou o seu programa na necesidade de investir "máis en persoas e menos en ladrillo", coa vista posta no "horizonte 2040" e con varios eixos estratéxicos: o compromiso de maior contratación, reducir a carga docente, a captación de alumnado en paises iberoamericanos ou a revisión de proxectos herdados que "necesitan un xiro".

   O seu equipo complétase con Miguel Ángel Michinel (secretario xeral), Jorge Genaro Soto (vicerreitor do campus de Pontevedra), María Esther de Blas (vicerreitora do campus de Ourense), José María Martín (vicerreitor de Economía), Natalia Caparrini (vicerreitora de Capatación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria) ou María Belén Rubio (vicerreitora de Investigación), entre outros.