O 60,7% dos nenos galegos de entre 10 e 15 anos dispón de teléfono móbil

Actualizado: lunes, 6 octubre 2008 12:01

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 6 Oct. (EUROPA PRESS) -

O 60,7 por cento dos nenos galegos con idades comprendidas entre os dez e os 15 anos dispón de teléfono móbil, a segunda comunidade autónoma con menor porcentaxe de España, segundo datos da última Enquisa sobre Equipamento e Uso de Tecnoloxías da Información e a Comunicación nos fogares 2008 publicada polo Instituto Nacional de Estatística (INE), recollidos por Europa Press.

En cifras absolutas, dito dato supón que dos 125.761 menores que en Galicia están nesa franxa de idade, 76.310 ten un móbil. Por sexos, o 64,5 por cento das nenas posúe teléfono móbil fronte ao 57,1 por cento dos nenos galegos.

Este dato deixa á comunidade galega por debaixo da media nacional, onde a porcentaxe de nenos con idades comprendidas entre os 10 e os 15 anos en posesión de móbil ascende ao 65,8 por cento, o que en termos absolutos se traduce en que un total de 1.659.361 nenos con móbil en todo o país.

En España, o grao de penetración deste aparato entre a poboación infantil segue sendo bastante inferior que noutros grupos de maior idade. Por sexo, non obstante, seguen existindo diferenzas de dispoñibilidade de móbil a favor das nenas (69,7 por cento) fronte aos varóns (62,1 por cento), aínda que en 2008 se reduciron en case tres puntos.

Galicia é a segunda autonomía con menor porcentaxe de nenos con teléfono móbil, só por detrás da Rexión de Murcia, onde a porcentaxe se sitúa no 60,3 por cento.

Pola contra, Cantabria cun 67,4 por cento, supera a media nacional xunto con outras 11 comunidades autónomas, entre as que a maior porcentaxe se dá en Extremadura (78,5 por cento). Tamén superaron o 70 por cento Navarra (70,4 por cento), Castilla e León (70,3 por cento), Asturias (71,1 por cento), e País Vasco (71,3 por cento).