24 de enero de 2020
10 de abril de 2008

As catro agrupacións empresariais de innovación galegas terán preferencia para obter axudas europeas

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 Abr. (EUROPA PRESS) -

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, confirmou hoxe que o Ministerio de Industria aprobou coa cualificación de "excelente" as catro agrupacións empresariais de innovación (AEIs) presentadas por Galicia, o que lle outorgará preferencia para a obtención de axudas, fundamentalmente europeas.

En declaracións aos medios, Fernández Antonio cualificou de "moi boa noticia esta cualificación" das catro AEIs presentadas por Galicia, que se refiren aos sectores da automoción, o naval, a enerxía e o medio e a madeira.

Ademais, subliñou que Galicia terá "un índice de representación importante" pois as catro iniciativas desta comunidade supoñen "o 10 por cento das 40 cualificadas no conxunto de España como excelentes".

José Ramón Fernández Antonio subliñou que estas agrupacións se enmarcan na política da Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e responde á política da Xunta de "impulsar a innovación e competitividade empresarial, en especial das pemes, a través deste proceso de clusterización, cooperación e asociación entre empresas, estruturadas por sectores para desenvolver plans estratéxicos para mellorar en innovación e competitividade".

O conselleiro de Economía explicou que esta cualificación previa supón para estas AEIs "unha preferencia para a obtención de axudas, sobre todo das europeas", vinculadas a "programas de innovación e competitividade" e no marco dos seus plans estratéxicos "para incrementar o valor engadido, a produtividade e o nivel de facturación".

Fernández Antonio garantiu que o Executivo autonómico seguirá potenciando as agrupacións empresariais para a innovación co fin de mellorar os procesos, a internacionalización e a competitividade do tecido empresarial galego.