As conferencias de 'Palestras maxistrais' tenden pontes entre a cultura e a ciencia galega no CCG

Actualizado: jueves, 10 enero 2008 19:39

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 Ene. (EUROPA PRESS) -

O Consello da Cultura Galega (CCG) inicia dende hoxe un ciclo co que se pretende achegar os coñecementos da ciencia e tecnoloxía que se producen en Galicia ao ámbito da cultura e viceversa. Englobadas baixo 'Palestras maxistrais' o seu obxectivo global é, a través de compartir camiños e experiencias, tender pontes entre estes "dous mundos".

O presidente o CCG, Ramón Villares, explicou con este símil o obxectivo destas conferencias, cuxo inicio inaugurou hoxe xunto ao director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Salustiano Mato, nun acto ao que tamén asistiron os reitores de Santiago, Vigo e A Coruña, Senén Barro, Alberto Gago e José María Barja, respectivamente

Salustiano Mato admitiu que se trata dunha "forma distinta" de achegar ambos os dous mundos, aínda que, tal e como subliñou o Consello da Cultura Galega, o ámbito científico e cultural "sempre camiñaron da man". Ao respecto, o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación apuntou a importancia deste tipo de xornadas para achegar a ciencia a "tódolos recunchos" e ámbitos da sociedade, "para que perciba a importancia de apostar pola innovación para gañar en benestar social".

CIENCIA E CULTURA.

O Consello da Cultura Galega (CCG), que este ano cumpre e celebra os seus primeiros 25 anos (1983-2008), xustificou a celebración destas xornadas polo feito de que a ciencia "constitúe un elemento esencial da cultura que serve "para achegar ideas aos grandes problemas de todos os tempos".

Por iso, destacou que as tribunas de 'Palestras maxistrais' permitirán periodicamente a presenza de destacadas personalidades que exporán os seus puntos de vista científicos vinculándoos coa tradición cultural galega e co futuro de Galicia.

En realidade, o CCG e a dirección xeral de Investigación pretende con este ciclo un recoñecemento da cultura galega "á súa excelencia científica e intelectual", resumiu Salustiano Mato.

APERTURA.

O catedrático de Dereito Mercantil da Universidade de Santiago José Gómez Segade foi o encargado de abrir este ciclo de conferencias cunha reflexión presentada baixo o título 'Quo vadis ius mercatorum?' sobre a propiedade intelectual.

Tras a intervención inicial de José A. Gómez Segade, ocupará a tribuna Angel Rodríguez de Lera, quen o día 29 de xaneiro falará sobre 'As revolucións científicas na química'. Manuel Gallego Jorreto e Guillermo Rojo serán tamén protagonistas das 'Palestras maxistrais' no primeiro semestre de 2008.