As emprendedoras galegas están sete puntos por debaixo dos homes en canto ao uso das tecnoloxías

Actualizado: jueves, 6 marzo 2008 18:35

O programa 'Nin máis nin menos' celebrou hoxe unha xornada en Vigo dedicada ao sector industrial

VIGO, 6 Mar. (EUROPA PRESS) -

As empresarias galegas colócanse sete puntos por debaixo dos empresarios de sexo masculino en canto ao uso das novas tecnoloxías, a pesar de que "o 55,5 por cento das empresas están creadas por mulleres", segundo destacou hoxe en Vigo o presidente da Asociación Galega de Empresas de Tecnoloxías da Información e Comunicación (Agestic), José María López.

López inaugurou hoxe en Vigo unha xornada do proxecto 'Nin máis nin menos', orientado á incorporación das traballadoras á sociedade da información, e asegurou que a muller galega ten "unha grande capacidade de emprendimiento" posto que máis da metade das empresas creadas son postas en marcha por féminas, segundo datos de 2006.

Neste senso, destacou o grande peso dos profesionais autónomos en Galicia, máis de 176.000, e, dentro deles, a proporción de mulleres, que alcanza o 46 por cento. Segundo engadiu, a proporción alcanza cifras superiores en Vigo, onde o 49 por cento dos autónomos son féminas.

Pola súa banda, o vicepresidente da Federación de Autónomos de Galicia (FEAGA), Francisco Javier Pérez Belo, avogou polo autoemprego como un "modo estupendo de loitar contra o paro" e que, ademais, "dá maior independencia á muller". Así, coincidiu con López en destacar a grande cantidade de emprego autónomo xerado pola muller, posto que, segundo asegurou, as galegas están 13 puntos por enriba da media nacional feminina neste ámbito.

'NIN MÁIS NIN MENOS'.

O proxecto 'Nin máis nin menos', organizado por Agestic co apoio do Ministerio de Industria e a colaboración de Caixa Galicia, celebrou hoxe unha xornada en Vigo dedicada analizar a situación da muller emprendedora e as novas tecnoloxías no sector industrial e na construción.

Durante a inauguración do acto, a presidenta da Asociación de Mulleres Empresarias de Pontevedra, Teresa Vidal Gallego, avogou por fomentar o acceso ás novas tecnoloxías ás mulleres e aos mozos e mostrou a súa vontade de que este ano salga adiante un proxecto piloto impulsado dende o seu colectivo, para que "todas as localidades de Pontevedra teñan a oportunidade de acceder á banda ancha".

Ademais, o delegado provincial de Traballo, Pedro Borrajo, lembrou que a pesar de que a muller "está cada vez máis formada" aínda existen discriminacións no acceso ao mercado laboral, mentres que o alcalde vigués, Abel Caballero, manifestou a necesidade de "atender e priorizar" o paro feminino na cidade, que cifrou no 60 por cento, e de "afondar na equiparación de xéneros en todos os ámbitos".