As empresas galegas elevaron un 16,7% o gasto en innovación tecnolóxica en 2007, que alcanzou os 966 millóns

Actualizado: martes, 16 diciembre 2008 18:25

Galicia figura como a sexta comunidade española que máis aumentou a súa inversión

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Dic. (EUROPA PRESS) -

As empresas galegas elevaron un 16,45 por cento o gasto en innovación tecnolóxica en 2007, ano no que se dedicaron 965,9 millóns de euros a este tipo de actuacións, segundo se desprende da Enquisa sobre Innovación Tecnolóxica nas Empresas 2007 do Instituto Nacional de Estatística (INE) recollida por Europa Press.

A inversión das empresas galegas, que representa o 5,3 por cento do total estatal, situou á comunidade como a sexta autonomía na que máis creceu a achega económica dirixida a potenciar actividades innovadoras, por detrás de Murcia (45,2 por cento), Castilla e León (34,8 por cento), Andalucía (30,9 por cento), Castilla-La Mancha (25,7 por cento) e Valencia (22 por cento). O aumento rexistrado en 2007 superou, así, a media nacional, do 9,44 por cento.

Así mesmo, Galicia ocupou a sexta posición en canto ao volume de gasto realizado en innovación tecnolóxica, malia permanecer lonxe da contía dedicada polas empresas de Madrid (5.771,8 millóns ou o 31,9 por cento do total estatal), Cataluña (3.926,9 millóns ou o 21,7 por cento), País Vasco (1.554,7 millóns ou o 9,7 por cento) ou Andalucía (1.392 millóns ou o 7,7 por cento).

O 23,2 por cento das empresas galegas de dez ou máis asalariados foron innovadoras no deseño dun produto ou do seu proceso entre 2005 e 2007. Esa proporción non alcanza a media do conxunto do Estado que se situou no 23,5 por cento. Das 46.877 sinaturas españolas incluídas neste apartado, 2.502 son galegas.

DATOS ESTATAIS

As empresas de servizos superaron por primeira vez ao sector industrial en gasto en innovación en 2007, segundo destacou hoxe o subdirector xeral de Estatísticas dos Servizos do INE, Fernando Cortina, a partir dos resultados obtidos na última enquisa do INE sobre Innovación Tecnolóxica nas Empresas 2007, feita pública hoxe na Fundación Cotec.

En concreto, Cortina sinalou que as empresas de correo e telecomunicación representaron a maior porcentaxe do total do gasto en innovación, cun 10,50 por cento, seguidas polas empresas de servizos en I+D, cun 9,8 por cento, e as de fabricación de vehículos de motor, cun 8,9 por cento.

Ademais, subliñou que o 23,5 por cento das empresas españolas de 10 ou máis asalariados foron innovadoras de produto ou proceso no período 2005-2007, e que este dato se eleva ao 25,9 por cento, se adicionalmente se consideran as empresas con innovacións en curso ou non exitosas (EIN).

Así, o gasto en innovación tecnolóxica creceu un 9,4 por cento en 2007, e alcanzou os 18.095 millóns de euros, respecto a 2006. Ademais, en canto ao gasto destinado ás actividades innovadoras, destacou o das actividades de I+D interna (aquela que realizan as empresas cos seus propios medios) ou externa (as empresas adquírena doutras), co 55 por cento total do gasto, e por outro lado, a adquisición en maquinaria, equipo e 'software' para innovación, co 31,6 por cento.

Por rama de actividade, na análise das empresas innovadoras obsérvase que, no caso do sector industrial, o 61,5 por cento se corresponde con empresas de 'Química' e o 61,1 por cento con empresas de 'Fabricación de equipo electrónico'. No sector servizos destacaron as 'Empresas de I+D', cun 83,6 por cento, e as 'Actividades Informáticas e conexas', cun 50 por cento.

Por outro lado, en canto á intensidade de innovación, ou "esforzo" que realizaron as empresas por investir en I+D, que en 2007 este aspecto supuxo o 0,89 por cento para o total das empresas, alcanzou o 1,92 por cento para as empresas con actividades innovadoras, e que o sector industrial foi o que "máis esforzo realizou", apuntou Cortina.

"Existe un dato alentador na innovación española porque hai máis empresas que cooperan, e ademais a metade faino cos seus propios provedores, e un terzo con universidades ou centros de ensino superior", informou ao tempo que subliñou que un 12,4 por cento das empresas EIN realizou cooperación en innovación entre 2005-2007.

MADRID, CATALUÑA E PAÍS VASCO, MAIOR GASTO EN I+D

Por rexións, as comunidades de Madrid, Cataluña e País Vasco son as que maior gasto en innovación rexistraron en 2007; mentres que Ceuta, Melilla e Extremadura, as que menos. Pola súa banda, as que presentaron os maiores crecementos respecto a 2006 foron Murcia (45,3 por cento), Castilla e León (34,8 por cento) e Andalucía (31 por cento), e as que menos, Ceuta ( -81 por cento), Baleares (39 por cento), e Aragón ( -18 por cento).

Finalmente, Cortina destacou que en España existen 46.877 empresas innovadoras, e que as comunidades autónomas con maior número (en valor absoluto) son Cataluña (10.470), Madrid (7.473), e Andalucía (5.754); mentres que Ceuta (41), Melilla (39), e La Rioja (391) son as que menos.

A Enquisa sobre Innovación Tecnolóxica nas Empresas do INE é un estudio integrado nos plans de estatística da Unión Europea, que ten por obxectivo ofrecer información sobre o denominado 'proceso de innovación tecnolóxica', elaborando indicadores que permitan coñecer os distintos aspectos deste proceso (impacto económico, actividades innovadoras, custo, entre outros).

Así, realizouse sobre unha mostra de máis de 43.500 empresas, de dez ou máis asalariados do sector industrial, da construción e de servizos, incluíndo dende o ano 2006 o estudio da rama da agricultura, gandaría, caza, selvicultura e pesca.

As innovacións tecnolóxicas comprenden os produtos (bens ou servizos), e procesos tecnoloxicamente novos, así como as melloras tecnolóxicas importantes destes. Unha innovación considérase como tal cando se introduce no mercado (innovacións de produtos) ou se utiliza no proceso de produción de bens ou de prestación de servizos (innovacións de proceso).

Así, nelas interveñen toda clase de actividades científicas, tecnolóxicas, de organización, financeiras e comerciais, e a partir desta definición pódese distinguir dous tipos de innovacións: innovacións de produtos e innovacións de proceso. As innovacións tecnolóxicas están referidas neste estudio aos tres anos anteriores ao de elaboración da Enquisa (período 2005-2007).