A Autoridade Portuaria entrega o primeiro premio de I+D+i a un texto sobre acumulacións de gas en Ría de Arousa

Actualizado: lunes, 10 diciembre 2007 21:00

VILAGARCIA DE AROUSA, 10 Dic. (EUROPA PRESS) -

O presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa, Javier Gago, entregou hoxe o primeiro premio I+D+i 'Porto de Vilagarcía', dotado con 4.000 euros a Raquel Díez Arenas, licenciada en Ciencias do Mar pola Universidade de Vigo. A galardoada presentou a este concurso a súa tese doutoral, titulada 'Gas superficial e estratigrafía sísmico-secuencial do rexistro cuaternario recente da Ría de Arousa'.

Na súa intervención, Gago explicou que esta primeira edición presentáronse "dous bos traballos", pero espera que "con este recoñecemento público aumente a participación en próximas convocatorias", e expresou que a intención da Autoridade Portuaria de Vilagarcía "é dar continuidade no tempo a este galardón".

Con este primeiro galardón, o porto "quere colaborar na investigación, desenvolvemento e innovación dos diferentes sectores que traballan nestas augas", segundo Gago, "de modo que se poidan explotar recursos que xeren máis calidade de vida, crecemento económico e emprego.

Pola súa banda, a galardoada destacou que o premio "é un recoñecemento a un traballo de moitos anos e moito esforzo", a súa tese doutoral, que se enmarca nun traballo da Universidade de Vigo sobre acumulacións de gas nas Rías Baixas. O estudio analiza tamén a evolución destas acumulacións ao longo do tempo e as emisións de gas metano, un dos responsables do efecto invernadoiro, á atmosfera.

Raquel Díez explicou que a denominación de gas superficial se utiliza para aqueles depósitos situados moi preto da superficie, a unha profundidade de entre 1 e 10 metros. A súa orixe é a acumulación de materia orgánica e o principal problema que presentan é que poden provocar unha diminución na cohesión dos elementos do fondo, aínda que iso non representa un risco nas zonas estudadas na Ría de Arousa.

En canto ás posibles aplicacións do seu estudio, Raquel Díez engadiu que na actualidade "non se pode avaliar o volume total de gas acumulado, xa que se coñece a extensión superficial dos depósitos, pero non a súa profundidade". Ademais, aínda non se desenvolveu a tecnoloxía apropiada para a súa extracción.