Caixa Galicia organizará a partir do luns a semana das novas tecnoloxías

Actualizado: viernes, 9 mayo 2008 21:18

FERROL, 9 May. (EUROPA PRESS) -

A Obra Social Caixa Galicia, no marco do III Evento Gerontolóxico que organiza este ano, dedicará a próxima semana, do 12 ao 17 de maio, ás novas tecnoloxías co fin de seguir fomentando o seu uso e ademais dar a coñecer as múltiples posibilidades que ofrecen e como poden favorecer a vida cotiá.

Preténdese converter o Centro de Maiores de Ferrol nun espazo de interacción e aprendizaxe, onde ademais de expoñerse equipamentos, programas e ferramentas tecnolóxicas pensadas para as persoas maiores, se desenvolverán talleres prácticos, conferencias e cursos para fomentar o contacto e o achegamento por este colectivo á informática e internet, así como demostracións prácticas de aplicativos como a telexerontoloxía e o Programa Ximnasio da Mente.

Para iso, disporase unha ciberaula con nove equipos última xeración, pantallas de proxección, diversos ordenadores nos espazos comúns e zona wifi en todo o espazo que ocupa o centro para aqueles usuarios que leven os seus propios portátiles.

Tamén se darán a coñecer as solucións técnicas máis innovadoras en servizos gerontolóxicos de vangarda, que busquen favorecer a accesibilidade e a calidade de vida das persoas maiores, asumindo os Centros de Maiores de Caixa Galicia as directrices europeas de achegar as novas tecnoloxías a todos.