Case un 6% dos galegos usuarios de internet compraron algo a través da rede en 2007, segundo o IGE

Actualizado: martes, 8 julio 2008 21:01

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 8 Jul. (EUROPA PRESS) -

O 5,6 por cento dos galegos usuarios de internet de 16 ou máis anos de idade aseguraron que realizaron algunha compra a través da rede en 2007, segundo os datos básicos de Galicia publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

As compras máis habituais foron as viaxes e as entradas de cinema e espectáculos, cun 48,5 e un 21 por cento, respectivamente, seguidos polos libros (15,2), a música (10,7), a roupa (9,1) e os programas informáticos (7,4 por cento).

Así, o ano pasado seguiu a tendencia crecente no uso das novas tecnoloxías entre a poboación galega, pois a porcentaxe de maiores de 5 anos que empregaron o teléfono móbil foi do 67,1 por cento, do 40,8 por cento no caso do ordenador e do 32,5 por cento para internet.

Entre os servizos de comunicación e ocio máis utilizados están a busca de información (90,3 por cento) e a consulta do correo electrónico (79 por cento). En canto ao tempo medio que os galegos dedican a navegar pola rede, o 62 por cento conéctase a internet durante menos de cinco horas semanais.

UN COCHE POR CADA DÚAS PERSOAS.

Por outra banda, a finais de 2006 había en Galicia un total de 1.370.117 turismos, co que se pode concluír que a comunidade dispoñía dun coche por cada dous persoas, segundo os datos contabilizados polo IGE.

Como curiosidade nos municipios ourensanos de Avión e Beariz o número de turismos supera notablemente o de veciños empadroados nestes concellos.