O Cesga aspira á excelencia científica en cinco campos co supercomputador 'Finis Terrae'

Actualizado: viernes, 13 junio 2008 13:51

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 Jun. (EUROPA PRESS) -

O presidente do Centro de supercomputación de Galicia (Cesga), Javier García Tobío, asegurou hoxe que a aspiración deste organismo é lograr "a excelencia" nos ámbitos de ciencias da vida, do mar, nanotecnoloxía, enerxías sostibles e supercomputación grazas ao supercomputador 'Finis Terrae', un dos máis potentes do mundo.

Nunha xornada técnica sobre o Cesga e este instrumento García Tobío destacou que o obxectivo tamén "é resolver os grandes retos computacionais que hoxe non teñen solución" e manter o ritmo de mellora continua, pois recordou que "na última década se conseguiu multiplicar a capacidade deste organismo por 10.000".

A pesar de que está moi ben situado no ranking de potencia, o presidente do Cesga precisou que co 'Finis Terrae' non están preocupados por ocupar un posto determinado, senón polo "nivel de satisfacción do usuario, invertendo en memoria". "Este supercomputador é memoria, memoria, memoria", resaltou.

Cun peso de 33,5 toneladas e ocupando unha superficie de 140 metros cadrados, 'Finis Terrae' conta cunha potencia de cálculo e almacenamento para as máis altas prestacións, con máis de 2.500 núcleos de procesador de última xeración. Ademais dispón dunha arquitectura de memoria compartida de case 20 Gigabytes (GB), na que se poderían almacenar os 20 millóns de libros da maior biblioteca de mundo, e unha rede Infiniband de interconexión do lato rendemento entre nodos con fibra óptica de última xeración.

Estas fibras, que miden 85 quilómetros, están compostas por material moi moldeable e de baixo peso que facilitar o paso de aire de refrixeración, co que se reduce de forma significativa o consumo enerxético.

O supercomputador emprega códigos baseados en software libre (Linux, Lustre, Goblus...) e dispón dun sistema de almacenamento xerárquico de 390.000 GB en disco, onde se podería situar máis de medio millón de películas de longa metraxe en alta calidade, e 2,2 Petabytes en libraría robotizada de fitas, a maior de España. Está deseñado para o funcionamento concorrente de diferentes sistemas operativos, adaptándose deste modo aos requirimentos dos investigadores.

'Finis Terrae' componse de 142 nodos con 16 núcleos de procesadores de dobre núcleo e 120 GB de memoria cada un, máis tres nodos HP Superdome (un de 128 núcleos de procesadores e outros dous nodos de 64 núcleos), con 1408 GBs de memoria entre os tres, o que o converte no supercomputador con mellor relación memoria/procesador e a máquina para cálculo científico, con este tipo de arquitectura HP-Intel, de maior capacidade instalada no mundo, á data de implantación.