Comezan a repartir os decodificadores de TDT na Fonsagrada para executar o apagamento analóxico o 5 de abril

Actualizado: lunes, 17 marzo 2008 17:45

LUGO, 17 Mar. (EUROPA PRESS) -

Entre hoxe e mañá comeza a repartición, a través do Concello de A Fonsagrada (Lugo) e Protección Civil, dos decodificadores da Televisión Dixital Terrestre (TDT) para materializar o apagamento analóxico o próximo 5 de abril, segundo informou hoxe o alcalde deste municipio da montaña lucense, o socialista Argelio Fernández.

En total distribuiranse un total de 2.000 aparatos de forma gratuíta por parte da Xunta de Galicia, en todo o municipio. Fernández lembrou que non é preciso cambiar os televisores, e explicou que "hai un decodificador que vai" entre o aparato da televisión e o cable da antena, que ao sintonizalo permite ver 25 canles". "Non hai que facer ningunha cousa rara no televisor" recalcou.

"A Xunta prometeu un decodificador por familia e vanse empezar a repartir esta tarde e mañá, e todo o mundo terá gratuitamente un decodificador na súa casa", aseverou.

Asimsismo, o alcalde da Fonsagrada constatou igualmente que se concluíu coa instalación dos dous principais re emisores no municipio, ao tempo que se están a fixar outros máis pequenos, ata cinco cos que se pretende chegar ao 98 por cento, "cando menos, de cobertura.

Argelio Fernández asegurou que os seus veciños se atopan "moi ilusionados" dado que esta é unha vila que "sempre se caracterizou por ter unha mala cobertura do sinal de televisión". Trátase dun experimento piloto en España para a introdución da Televisión Dixital Terrestre, que chegará á Fonsagrada o 5 de abril cando se produza o chamado "apagamento analóxico" neste concello.