O Concello da Coruña destina 180.000 euros a implantar a administración electrónica por software libre

Actualizado: jueves, 8 noviembre 2007 21:15

A CORUÑA, 8 Nov. (EUROPA PRESS) -

O Concello da Coruña, a través da Área de Planificación, sacou a concurso a contratación do servizo de implantación da administración electrónica baseada no software libre. A inversión para poñer en marcha esta iniciativa alcanza os 180.000 euros e o contrato terá unha duración de 12 meses.

O proxecto enmárcase dentro do obxectivo de "mellorar os servizos de xestión e atención aos cidadáns", proporcionando unha solución tecnolóxica baseada nunha infraestrutura software "completa e modular" que proporcione ao goberno local e aos cidadáns "todas as capacidades posibles do que se deu en chamar unha Administración próxima ao cidadán", segundo informaron fontes municipais.

Segundo establece o prego de condicións, o cidadán terá a posibilidade de relacionarse co concello de forma multicanle a través do CRM (010, web, atención presencial). Deste xeito, permitiráselle o acceso a un portelo único con rexistro de entrada e saída unificado para a recollida de calquera tipo de documentación.

SERVIZO.

Esta canle de entrada dará acceso e servizo a calquera dos servizos prestados dentro do ámbito municipal, concepto que se desenvolverá máis adiante e que permitirá o tratamento interno dos expedientes como un fluxo de traballo, coas relacións de entrada e saída de teletramitación que sexan precisas.

Ademais, posibilitará o acceso de consulta dos cidadáns á definición de procedemento, así como aos trámites polos que pasaron os expedientes nos que é interesado; e permitirá o estudo da eficacia na tramitación interna por parte da dirección.

O Concello herculino considera que este servizo "vai permitir cambiar a actitude da administración respecto ao cidadán, tomando un papel protagonista os sistemas de atención". Toda a información xerada nesta relación cidadán-administración estará protexida de acordo á lei de protección de datos.

A empresa adxudicataria asumirá a divulgación necesaria do servizo para o coñecemento xeneralizado dos traballos desenvolvidos tanto polo persoal do Concello da Coruña, como para todas as empresas que teñan relación profesional con el no ámbito da integración de sistemas.