Convocados 500 contratos por valor de 30 millóns para acabar coa precariedade en I+D+i en Galicia

Actualizado: martes, 14 agosto 2007 20:18

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Ago. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Innovación e Industria acaba de publicar no DOG a convocatoria de axudas por valor de 29,4 millóns destinadas á contratación de 500 persoas no sistema galego de I+D+i, tanto público como privado, para apostar para acabar coa precariedade laboral no sector.

Nun comunicado, este departamento informou que a acción supón un salto "cualitativo e cuantitativo", xa que o presuposto se incrementa nun 120% con respecto a 2006. Así, se crearán 361 novas prazas e prorrogaranse 149 contratos, o que supón un aumento do 62% en relación ao pasado ano.

A orde publicada busca incrementar o número de investigadores e a súa cualificación; crear condicións laborais atractivas; profesionalizar a actividade; e facer promoción de xestores de innovación e tecnólogos nas empresas. Así, articula unha carreira científica, que conta con catro programas, e outra tecnolóxica, con tres.

A carreira científica está avalada polo programa 'María Barbeito', con axudas de 20.440 ao ano durante dous anos para 80 titulados superiores predoutorais, con posibilidade de prórroga; mentres que o programa 'Ángeles Alvariño', destinado a 64 doutorados recentemente, que recibirán durante tres anos 28.000 euros.

Tamén se pon en marcha o programa 'Isidro Parga Pondal', para 57 investigadores con formación acreditada, que durante tres anos, con posibilidade de prórroga, accederán a 36.000, se se incorpora ao sector público, e de entre 18.000 e 25.000 se o fai no privado. Por último, a carreira científica completarase co programa 'Manuel Colmeiro', destinado á consolidación dos investigadores no seu posto de traballo no sistema galego de I+D.

En canto á carreira de tecnólogo, establécese o programa 'Lucas Labrada', para fomentar a formación de 83 tecnólogos durante dous anos, cunha axuda anual de entre 18.000 e 21.000 euros para o sector público e de entre 9.000 e 14.700 euros para o privado.

O 'Isabel Barreto' apoia a incorporación de 67 profesionais, durante dous anos, cunha axuda de entre 24.000 e 36.00 euros para o sector público e entre 12.000 e 25.200 para o o privado. Por último, tamén se convocará un terceiro programa para a consolidación de tecnólogos e axentes de innovación nos seus postos; e un de estanzas no estranxeiro que fomente a mobilidade.