Dous expertos impartirán mañá e o venres senllas clases maxistrais na Coruña sobre Software Libre

Actualizado: miércoles, 9 abril 2008 18:50

A CORUÑA, 9 Abr. (EUROPA PRESS) -

Os expertos Alberto Maella e Marcelo D'Elia Branco impartirán senllas clases maxistrais mañá, día 10 de abril, e o venres, día 11, dentro das actividades programadas polo Máster en Software Libre de Caixanova que se desenvolve na Coruña, do comité asesor da cal forman parte.

O obxectivo destas sesións, que terán lugar na Facultade de Informática da Universidade da Coruña, é apoiar a promoción e difusión do software libre. Para iso colabórase co Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL) nun recoñecemento aos seus dez anos de historia "traballando como catalizador na difusión dos valores subxacentes na tecnoloxía de código aberto", segundo informou hoxe Caixanova.

Mañá, ás 19.30 horas, Alberto Abella exporá no seu relatorio 'O futuro das tecnoloxías abertas' a súa visión sobre a situación do software libre nos próximos anos e o impacto que xerará na sociedade, dende a perspectiva que lle proporcionan os seus anos de experiencia.

Abella participou na redacción do Libro Branco do Software Libre e actualmente ocupa o posto de director de Desenvolvemento Corporativo do Centro Nacional de Referencia de Aplicación das TIC baseadas en fontes abertas (Cenatic).

O venres 11 de abril, ás 19.00 horas, Marcelo D'Elia Branco presentará 'Sociedade en rede: desafíos para a construción dun modelo social democrático', unha análise e unha reflexión sobre os efectos que xera sobre unha sociedade estar conectada en rede.

Marcelo D'Elia Branco é o director xeral de Campus Party Brazil e o coordinador da Rede Internacional de Administracións Públicas polo Software Libre. Así mesmo, é fundador do Proxecto Software Libre Brasil e foi consultor para os temas de Sociedade da Información do goberno brasileiro presidido por Lula Da Silva entre 2004 e 2005.