Emetel facturou máis de 2,7 millóns en 2008 e este ano prevé abrir unha nova sede na Coruña

Actualizado: miércoles, 18 febrero 2009 18:40

A CORUÑA, 18 Feb. (EUROPA PRESS) -

A compañía galega Emetel Sistemas, especializada en sistemas de redes e comunicacións, cumpre os seus quince aniversario cun incremento da súa facturación no trienio 2005-2008 ata superar os 2,7 millóns en 2008 e unha inversión de máis de 500.000 euros en I+D e formación.

Segundo informou o xerente de Emetel, Manuel Lago, o crecemento da empresa baséase na especialización e a formación; o control dos sistemas de xestión; a calidade, con certificacións técnicas e de xestión; solucións de máxima rendibilidade para o cliente; e valor engadido das solucións coa incorporación de servizos profesionais.

Entre os seus proxectos de expansión, en 2009 prevén crear unha nova sede centran nas inmediacións de A Coruña de 1.200 metros cadrados e cunha inversión de 800.000 euros; a apertura dunha delegación en Vigo, para "consolidar o eixo A Coruña-Vigo-Lisboa-Madrid"; manter a súa presenza no sector público; desenvolver unha tecnoloxía propia e potenciar os servizos profesionais no ámbito do 'outsourcing'.

Lago sinalou que a "confianza dos seus clientes foi clave para o crecemento da empresa porque a súa filosofía parte de que se posicionan como socios dos seus clientes, "deseñando solucións personalizadas e cun alto valor engadido" en termos de mantemento e facilidade de actuación; xunto coa especialización en ámbitos como o portuario-naval.

Esta filosofía permitiulles expandirse por España e parte de Portugal a medida que o fan os seus clientes, de modo que, da man de Navantia, Megasa ou o Grupo Tecam, alcanzaron "presenza significativa" en España e iniciaron a entrada no mercado portugués.

Emetel inicia a súa actividade en 1994 e nace vinculada á Universidade da Coruña, que confiou neles para que participasen no desenvolvemento das incipientes redes de comunicacións do campus. A partir desta experiencia, a empresa consolidou a súa actividade co deseño de solucións orientadas a rentabilizar ao máximo a súa funcionalidade.