Enxeñeiros italianos deseñan un proceso de gasificación para plantas de biomasa que duplica o seu rendemento enerxético

Actualizado: miércoles, 5 noviembre 2008 20:50

Calculli e Vaiani empregan biomasa e escouras sólidas urbanas para obter un gas puro similar ao metano que non xera residuos

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 5 Nov. (EUROPA PRESS) -

Dous enxeñeiros italianos presentaron hoxe un novo proceso de obtención de gas dirixido a plantas de biomasa que duplica o rendemento enerxético dunha central convencional que, como no caso da situada en Allariz (Ourense), se sitúa en torno ao 21 e 23 por cento.

Os expertos Salvatore Calculli e Renzo Vaiani detallaron en Santiago o sistema deseñado tras catro anos de investigación e mediante o que lograron obter un gas "puro" de síntese, de características similares ao metano, sen producir ningún residuo ambiental.

Os materiais empregados no proceso son a madeira procedente de escouras forestais, da poda das vides e da actividade agrícola, así como "parte" dos residuos sólidos urbanos como poden ser pneumáticos ou aceites.

Estes últimos elementos aseguran ás plantas de biomasa unha "operatividad constante", necesaria en termos de rendibilidade, a través dun abastecemento continuo de combustible.

"Non se pode podar sempre", explicou Claudio de Paoli, enxeñeiro integrante do equipo que hoxe explicou na Escola Técnica Superior de Enxeñería da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a súa nova tecnoloxía. "É utilizable o residuo onde atopemos carbono ou hidróxeno", precisou.

O sistema de Calculli e Vaiani está integrado por dous reactores, en lugar dun só de forma que, mentres un rexistra unha baixa temperatura, outro alcanza os 2.000 graos centígrados. O obxectivo de ambos os dous é transformar os materiais sólidos e líquidos a un estado gasoso "sen producir ningún impacto ambiental", con excedentes que dean lugar a novos vertedoiros, como expuxo o profesor Vaiani.

RENDEMENTO ENERXÉTICO DO 42 POR CENTO

A combustión de residuos orgánicos e sólidos xera un gas apropiado para o seu uso en turbinas de ciclo combinado a gas e vapor que logra "un alto rendemento técnico", como asegurou Claudio de Paoli. "Inxectado no ciclo enerxético levaranos a obter electricidade", afirmou.

O rendemento enerxético desta nova tecnoloxía ascende ao 42 por cento, fronte á media de 21 e 23 por cento que se obtén nunha central convencional. "Non presentamos un sistema que non fose presentado, senón unha nova forma de regasificar", insistiu de Paoli, quen atribuíu a mellora deste proceso aos catro anos invertidos por Vaiani na medición de tempos, rendementos e temperaturas.

Precisamente asegurou que os estudios do profesor Vaiani se realizaron nunha planta de creada nas proximidades dun vertedoiro, que causou problemas á poboación e que se pretendía eliminar con esta central.

INCENDIOS FORESTAIS

De Paoli explicou que este sistema trata de atender ao "problema" detectado en "tódolos puntos do planeta" de cubrir as necesidades enerxéticas con fontes de enerxía "limpas" e alternativas aos combustibles tradicionais. "Hai unha necesidade de administrar correctamente o patrimonio de todos", agregou.

Así mesmo sinalou que diversas zonas de Italia comparten moitas características con Galicia, a rexistrar unha grande abundancia de biomasa forestal e a mesma problemática cos incendios de bosques e montes. "Queimar por queimar non ten sentido. Se podemos queimar e xerar algo de forma limpa e á súa vez producir máis enerxía, ¿que hai mellor que iso?", concluíu.