Un equipo de cinco científicos da USC desenvolverán un preparado de froitas para persoas maiores

Actualizado: martes, 16 febrero 2010 12:20

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Feb. (EUROPA PRESS) -

Un equipo de cinco científicos do Instituto de Investigación e Análises Alimentarias da Universidade de Santiago de Compostela (USC) desenvolverán unha serie de proxectos vinculados á busca de alimentos funcionais, entre os que se atopa a busca de preparado de froitas para persoas maiores.

Así o farán en virtude dun convenio de colaboración entre a Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga) e a empresa viguesa Frutas Nieves e co principio de que "en momentos difíciles, se debe apostar por solucións innovadoras", tal e como explicou o director do proxecto, Ramón Navarro Aracil.

De este xeito, o máximo responsable do Instituto de Investigación e Análises Alimentarias, Joaquín Garrido, dirixirá durante dous anos a un equipo de catro científicos co obxectivo de desenvolver un preparado de froitas sen aditivos destinado a persoas maiores.

Os alimentos funcionais elabóranse dado que pola súa composición contribúen a mellorar a saúde e reducir o risco de contraer enfermidades, para o que se lles agregan compoñentes bioloxicamente activos tales como probióticos, prebióticos, fibra ou antioxidantes.

A colaboración entre Frutas Nieves e Feuga non se limita a este proxecto xa que, segundo explicou Ramón Navarro, "hai outros previstos". "Temos inquietude por fortalecernos e estamos a atopar na Universidade de Santiago o coñecemento que precisamos e seguiremos invertendo en innovación", destacou.

De feito, tamén Frutas Nieves evolucionou dende a comercialización de froita e verdura sen elaborar aos produtos de cuarta e quinta gama --cortados, pelados e lavados, listos para o consumo directo--. Cun equipo de 150 empregados e 70 puntos de venda, Frutas Nieves pon anualmente no mercado ata 20.000 toneladas de froitas e verduras. A súa facturación no último exercicio sumou 16 millóns de euros.