Industria achegou máis de 14 millóns en 2007 para apoiar a innovación en 144 pymes galegas, seis veces máis

Actualizado: martes, 22 julio 2008 17:26

FERROL, 22 Jul. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Innovación e Industria destinou 14,2 millóns de euros en 2007 a iniciativas de innovación en pequenas e medianas empresas de Galicia, o que supón multiplicar por seis o importe subvencionado no ano anterior, segundo resaltou hoxe o titular do departamento autonómico, Fernando Blanco, na inauguración do Foro de Innovación celebrado en Ferrol.

Blanco, quen subliñou a innovación como ferramenta "imprescindible" para achegar solucións ante momentos de crise, destacou que as sociedades beneficiarias das axudas duplicaron en 2007 o número do exercicio anterior. Na bisbarra de Ferrolterra os investimentos da consellería para I+D+i ascenderon a 1,5 millóns de euros.

O Foro da Innovación de Ferrol, que se celebrou hoxe no marco do 'Plan InnoCámaras' desenvolvido polas Cámaras Oficiais de Comercio e a Consellería de Industria, ten como obxectivo promover estratexias empresariais de innovación nas pymes.

O programa, que se celebra en Ferrol como sétima cidade das 16 nas que se desenvolverá de toda España -en novembro sumarase a de Lugo-, consta de dúas fases. En primeiro lugar analízase a capacidade innovadora das empresas e, posteriormente, ofrécese asesoramento individualizado para desenvolver un plan de innovación.

No foro de Ferrol déronse a coñecer os casos de éxito de tres empresas galegas que aplicaron a innovación aos seus procesos produtivos: Queixería Bama, S.L., cun proxecto que lle permite producir enerxía a partir dun microorganismo que transforma o soro do leite en etanol; Metalplas, vinculada ao ámbito da iluminación de fibra óptica; e Galopín Parques, centrada no deseño e a fabricación de parques infantís caracterizados polos seus valores ecolóxicos e a súa calidade e seguridade.

PARTICIPANTES

Entre as empresas participantes nas tribunas sectoriais, figuraron 3.13 Financial Contents, Rei Zentolo, Netbiblo, Extremar, Instalacións Liñares, Ferrolterra Universal e Camerpyme.

Oito centros tecnolóxicos galegos mostraron as súas potencialidades en distintos stands: CIS Galicia, Naval e Plástico, Centro de Pesca de Celeiro, CIS Madeira, Centro AIMEN, Centro de Automoción de Galicia, Centro Técnico Nacional de Conservación de Produtos de Pesca, Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Telecomunicacións (CITIC) e o Centro de Investigacións Tecnolóxicas (CIT).

A Consellería de Innovación inverte no programa 'InnoCámaras' 377.000 euros, unha cantidade que se complementa con fondos europeos ata alcanzar os 1,5 millóns de euros de presuposto total. Esta cantidade permite financiar o 100 por cento do diagnóstico individualizado de cada empresa e o 80 por cento do asesoramento posterior, para a posta en marcha de medidas innovadoras en cada compañía.