Industria destinará máis de dous millóns para a excelencia na xestión empresarial

Actualizado: miércoles, 2 abril 2008 21:09

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 2 Abr. (EUROPA PRESS) -

O conselleiro de Industria, Fernando Blanco, anunciou hoxe en Lugo que o seu departamento destinará para este ano de 2,6 millóns de euros para a excelencia na xestión empresarial.

Así o adiantou durante a presentación nesta cidade da cuarta edición dos Premios transfronteirizos á Excelencia Empresarial que promove a Confederación de Empresarios de Ourense (CEO).

O conselleiro informou de que nos próximos días publicarase unha orde de axudas "de certificación de normas", para o que se consignarán eses 2,6 millóns de euros.

Previamente o presidente da Confederación de Empresarios de Lugo, Eduardo Jiménez, destacou que estes premios cumpren un dobre obxectivo, "non só o de publicitar o traballo das empresas premiadas, senón que tamén contribúen á difusión da importancia que no mercado e na sociedade actual teñen cuestións como o fomento da cultura emprendedora".

Estes galardóns á excelencia turística, que se recoñece cun diploma, abrangue non só a Galicia senón tamén ao norte de Portugal. Valórase neste caso, para os traballos que se poden presentar ata o 18 de abril, a innovación, a internacionalización, a responsabilidade social e ao novo emprendedor.

O acto de presentación tivo lugar en Lugo dentro dun ciclo de presentacións dos premios por varios puntos da xeografía galega e portuguesa no afán de seguir buscando empresas "excelentes e singulares".