Industria prevé aforrar "112 toneladas de petróleo ao ano" a través do uso de "vehículos de consumo eficiente"

Actualizado: lunes, 29 diciembre 2008 17:46

A Consellería impulsa o primeiro 'Plan Renove de Fiestras' polo que "500 familias poderán aforrar ata o 30 por cento en calefacción"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Dic. (EUROPA PRESS) -

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, afirmou hoxe que o seu departamento estima un aforro de preto de "112 toneladas de petróleo" ao ano mediante o impulso de vehículos de consumo "eficiente" e aqueles "con combustibles alternativos á gasolina ou o gasóleo".

En rolda de prensa, o conselleiro informou da renovación do 'Plan de Vehículos Eficientes" para 2009, que proporciona por "unha liña de axudas para a compra de vehículos novos de propulsión eléctrica ou híbrida" ou "aqueles alimentados por gas natural ou hidróxeno" --novidades deste ano-- e ao que se destina un presuposto de 720.000 euros, "catro veces superior ao de 2008", precisou Blanco.

Así mesmo, destacou que este ano o Plan subvenciona igualmente "a adquisición de motocicletas de tracción eléctrica ao 100 por cento" e "a transformación de vehículos matriculados ao consumo de gas natural".

As contías das subvencións "dependerán do tipo de vehículo" e será dun "máximo do 15 por cento do prezo de mercado". No caso dos novos turismos de propulsión eléctrica, hidróxeno ou pilas será de "ata 6.000 euros"; para propulsión híbrida ou de gas natural "un máximo de 2.000 euros"; as motocicletas preto de 750 euros; e a transformación de vehículos a gas natural un máximo de 450 euros.

Por outro lado, os beneficiarios poderán ser todas as persoas físicas ou xurídicas situadas en Galicia e todos os concesionarios que comercialicen vehículos eficientes na comunidade autónoma, así como os talleres autorizados a realizar as adaptacións de vehículos a gas natural.

O prazo de solicitude de axudas estará vixente dende a súa publicación ata o 30 de agosto de 2009, a menos que se esgoten os fondos asignados con anterioridade.

AFORRO DE CALEFACCIÓN

Fernando Blanco presentou hoxe tamén o primeiro 'Plan Renove de Fiestras', grazas ao cal se prevé que "preto de 500 familias poderán aforrar ata o 30 por cento en calefacción" ao longo do 2009, e que impulsa "a rehabilitación da envoltura térmica das edificacións".

O obxectivo é o de mellorar "a eficiencia enerxética dos edificios" a través da "renovación de ocos acristalados das fachadas", tanto os marcos como os seus acristalamentos. Neste sentido, detallou que "se subvencionarán as novas ventás ou portas-ventás que separen estanzas calefactadas do exterior" e que "cumpran os requisitos impostos" pola Consellería".

Respecto ás axudas, a contía será de 100 euros por cada metro cadrado de ventá "sen que supere nunca o 25 por cento do custo total da obra nin os 6.000 euros por vivenda unifamiliar". As solicitudes poderanse presentar entre o 1 de febreiro e o 30 de xullo de 2009 e o presuposto total será de 500.000 euros "de cara a amplialo a 1,5 millóns" na próxima renovación".