Investigadores da USC estudan en ratos terapias máis efectivas contra o cancro

Actualizado: viernes, 7 marzo 2008 20:23

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 Mar. (EUROPA PRESS) -

O grupo de investigación de Oncoloxía Molecular da Universidade de Santiago (USC) estuda en ratos terapias máis efectivas contra o cancro, vendo as repercusións que a activación dos oncoxenes ou a inactivación de determinados xenes supresores nas células afectadas teñen sobre a resposta dos pacientes á terapia tumoral.

Esta experimentación responde á necesidade de desenvolver tratamentos contra o cancro cada vez máis individualizados e que, segundo indicou a USC, "obriga a examinar os aspectos moleculares implicados nesta doenza.

O traballo, dirixido polo profesor Antonio Costoya Puente, obtivo resultados sobre as bases moleculares do proceso tumoral que facilitarán no futuro a experimentación de novas terapias para un mellor tratamento do paciente.

A pesar de que nos últimos anos se produciu un grande avance neste ámbito, aínda existen poucos modelos preclínicos que copien a evolución do tumor nas primeiras fases. Así, indicaron que as simulacións "son necesarias" posto que, cando chegan os pacientes á consulta, o tumor "xa está en marcha e se descoñece como foron os inicios".

A modificación xenética de ratos facilita estudar a influencia de determinadas mutacións sobre a enfermidade e a resposta de determinados tratamento de tumores que presentan "un prognóstico fatal", como é o caso dalgúns que afectan ao Sistema Nervioso Central.

Así mesmo, o equipo de científicos utiliza nos ratos sistemas de monitorización non invasiva que, mediante biosensores, permiten o seguimento en vivo da evolución do tumor e achega información acerca do seu grao de agresividade.