Investigadores das universidades galegas revelan os seus logros en 'Forum Orienta'

Actualizado: miércoles, 9 abril 2008 21:06

VIGO, 9 Abr. (EUROPA PRESS) -

Investigadores do Sistema Universitario de Galicia (SUG) dan conta dos avances científicos que levaron a cabo a raíz do seu traballo na segunda edición do 'Forum Orienta, que se celebra en Vigo durante esta semana co obxectivo de difundir entre o alumnado a oferta educativa que ten a comunidade.

Procedentes das universidades de Vigo, A Coruña e Santiago, estes investigadores expoñen estes días as súas experiencias persoais e o avance que van rexistrando nos seus distintos campos de actividade, como é o caso da profesora da Universidade de Vigo África González, quen conseguiu grandes avances na súa investigación sobre medicamentos denominados 'balas máxicas' e que atacarían ás células canceríxenas directamente.

González é discípula do premio Nobel César Milstein, quen logrou este recoñecemento polo seu descubrimento de anticorpos capaces de detectar células canceríxenas.

Outro dos testemuños que darán científicos galegos é o do director do laboratorio xenético da Facultade de Medicina de Santiago, Ángel Carracedo, quen explicará estes días como se realizan as probas biolóxicas de paternidade ou de identificación de desaparecidos en catástrofes.

Ademais, a Universidade de Vigo, realizará demostracións sobre como realizar o retrato robot dun sospeitoso ou como detectan as pegadas os profesionais en criminalística, mentres que a investigadora Betty León tamén presentará as novas aplicacións das tecnoloxías láser, tales como escáner en 3D ou os raios infravermellos.

Finalmente, en canto á investigación marítima, os enxeñeiros da Universidade da Coruña, Salvador Naya e Fernando Junco, exporán como se constrúe un barco de miles de toneladas.