Investigadores vigueses e alemáns probarán un prototipo de robot para analizar os fondos mariños

Actualizado: lunes, 2 junio 2008 21:56

VIGO, 2 Jun. (EUROPA PRESS) -

Investigadores da Universidade de Vigo, en colaboración con científicos da Universidade alemá de Bremen, probarán en augas da plataforma continental de Galicia un prototipo deseñado por eles e que serve para recoller mostras dos sedimentos depositados nos fondos mariños.

Segundo informaron fontes da Universidade de Vigo, a expedición partiu hoxe do porto de Vigo e desenvolverase ao longo de 16 días a bordo do buque oceanográfico da Universidade de Bremen 'Poseidón'. Durante eses días, os científicos probarán o prototipo, ao que denominan familiarmente 'Fish', e que ten como principal novidade con respecto aos métodos tradicionais de prospección xeolóxica mariña que pode tomar as mostras co barco en movemento, o que supón un considerable aforro de tempo e diñeiro.

O equipo de investigadores, que está coordinado polos profesores Tilo Vo Dobeneck (por parte alemá) e Federico Vilas (por parte viguesa), extraerá as mostras do fondo mariño a través deste mecanismo, que detecta a composición dos sedimentos e recolle os datos de forma continua, sen necesidade de parar o barco nin de facer dragas no leito mariño. Posteriormente, os datos son trasladados ao correspondente laboratorio.

As primeiras probas con este equipo foron realizadas en setembro pasado na Ría de Vigo a bordo do buque Arao pero, segundo explicaron os responsables do proxecto, a dificultade agora será maior, xa que o Fish debe operar a máis de cen metros de profundidade".