Máis de 200 axentes participan na Xornada sobre Xestión do Fondo Tecnolóxico e Fomento da Innovación

Actualizado: miércoles, 6 febrero 2008 7:26

Galicia recibirá máis de 405 millóns para a capacitación do Fondo Tecnolóxico

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 6 Feb. (EUROPA PRESS) -

Máis de 200 axentes do Sistema Galego de Innovación participan hoxe nunha xornada sobre a xestión do Fondo Tecnolóxico e Fomento da Innovación, no que a Consellería de Innovación e Industria lles presentará os instrumentos para a capacitación do fondo e as oportunidades para Galicia.

A 'Xornada sobre a xestión do fondo Tecnolóxico e fomento da innovación: Plan de actuación da Consellería de Innovación e Industria e CDTI' está organizada polo departamento autonómico en colaboración co Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) do Ministerio de Industria.

O obxectivo desta xornada é presentar aos axentes do Sistema Galego de Innovación o fondo e os instrumentos a través dos que poderán optar ao mesmo, así como os termos de colaboración entre a consellería e o CDTI para o fomento da innovación empresarial, a través de accións como o cofinanciamento de proxectos de I+D+i.

No encontro, que será clausurado polo vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, participará tamén o director xeral de I+D+i, Salustino Mato, e o director de Tecnoloxía do CDTI, Andrés Zabara.

MÁIS DE 405 MILLÓNS PARA GALICIA.

O Programa Operativo 'I+D+i por e para o beneficio das Empresas-Fondo Tecnolóxico' ten como obxectivo xestionar os 2.000 millóns de euros adicionais asignados a España para estas actividades dentro dos Fondos Feder.

Segundo recordou Vicepresidencia, Galicia recibirá preto de 405 millóns de euros deste fondo. Os proxectos que xurdan das Plataformas Tecnolóxicas Galegas, e nos que están chamados a participar pequenas e grandes empresas, centros públicos de investigación, universidades e centros tecnolóxicos, son os que, baixo o principio de excelencia, competirán por este fondo.