Os Colexios de Arquitectos e de Aparelladores da Coruña implantan o visado dixital para os seus proxectos

Actualizado: jueves, 15 noviembre 2007 20:37

A CORUÑA, 15 Nov. (EUROPA PRESS) -

O Colexio de Arquitectos da Coruña e o Colexio de Aparelladores decidiron implantar o visado telemático para os seus proxectos, un labor que ata agora se facía de forma manual.

Con esta medida, que se implantará de xeito progresivo e pretende desprazar á manual nun prazo de ao redor de 3 anos, trátase de axilizar o labor obrigatorio de visado dos proxectos desenvolvidos polos especialistas por parte dos respectivos colexios.

O decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Celestino García Braña, explicou que o control manual era "lento, penoso e monótono" e que, pola contra, o telemático permitirá "aforro en desprazamentos, esforzo e papel transparencia no exercicio público da xestión urbanística", ademais da obvia axilización do trámite.

Por iso, García Braña instou as administracións públicas a sumarse tamén a esta medida á hora de outorgar licenzas. "Hai que involucrarse nun novo xeito de pensar, non só para axilizar o traballo, se non tamén para reducir os desprazamentos e favorecer o aforro enerxético", puntualizou.

Non obstante, recoñeceu que se trata dun proceso ao que haberá que incorporarse "pouco a pouco pero o máis rápido posible" por ser "tremendamente útil". De feito, García Braña prevé que "en 3 ou 4 anos" desapareza completamente o visado manual.