Pontevedra acolle o venres un espectáculo de cabaré científico dentro da Semana da Ciencia

Actualizado: miércoles, 12 noviembre 2008 21:15

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 12 Nov. (EUROPA PRESS) -

Pontevedra súmase un ano máis á celebración da Semana da Ciencia coa representación este venres día 14 de novembro dun espectáculo de Cabaré Científico no Teatro Principal, que terá lugar ás 20.30 horas.

A Semana da Ciencia, que se celebra do 10 ao 23 deste mes, constitúe a cita anual de referencia no ámbito europeo para achegar a ciencia e a tecnoloxía máis divulgativa á sociedade.

O espectáculo de cabaré consiste nunha representación escénica que combina varias expresións artísticas arredor do tema da ciencia e que vai destinada a un público adulto, e baséase nun formato que desenvolve en Galicia dende 1992 a compañía Chévere: a Ultranoite.

Trátase dun espectáculo híbrido no que participan artistas de diversas disciplinas: teatro, música, danza, maxia, malabares e todo tipo de números sobre o tema proposto, neste caso as Ciencias da Terra posto que 2008 foi declarado Ano Internacional do Planeta Terra pola Unesco.

A partir de aí, sucederanse sobre o escenario todo tipo de números musicais e teatrais que utilizan a maxia, o circo, o mimo, a palabra e, sobre todo, o humor, a parodia e a irreverencia para comunicar ao público unha serie de temas con trasfondo científico que afectan á saúde do Planeta, como o quentamento global, a reciclaxe, as enerxías renovables ou a escaseza de auga.

Despois de ser representada no Teatro Principal de Pontevedra a xira continuará o día 15 no Auditorio de Ourense; o 29 no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol e o 5 decembro no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo. A xira terá a súa continuidade en Asturias con representacións en Avilés (día 19); Cangas del Narcea (día 20); Gijón (día 26) e Oviedo (día 27).