O Porto de Celeiro implanta un proxecto piloto para levar a teleasistencia sanitaria aos barcos pesqueiros

Actualizado: miércoles, 20 febrero 2008 21:07

BURELA (LUGO), 20 Feb. (EUROPA PRESS) -

O Hospital da Costa de Burela e a Confraría de Pescadores de Celeiro (Lugo) asinaron hoxe un convenio para implantar un proxecto piloto que permita levar a teleasistencia sanitaria aos barcos pesqueiros, unha iniciativa que podería ser estendida a outros portos galegos.

Así quedou de manifesto na subscrición dun convenio marco de cooperación e colaboración entre o pósito de pescadores 'Santiago Apóstolo' de Celeiro, o Hospital da Costa de Burela e o Centro Tecnolóxico da Pesca. Nos próximos 30 días constituirase unha comisión mixta para planificar o seguimento e a avaliación das accións previstas.

O acordo foi asinado polo xerente do Hospital, José Casdelo Filgueiras; polo patrón maior da Confraría de Celeiro, Domingo Rey Seijas; e polo presidente do Centro Tecnolóxico, José Novo Rodríguez.

O obxectivo xeral do convenio consiste en regular a colaboración e xuntar esforzos, orientados a aumentar a cooperación técnica, científica, formativa e informativa en beneficio das institucións participantes neste, e da sociedade; así como realizar actividades e estudios de xeito conxunto naqueles asuntos que sexan de interese para estas institucións.

Como fins específicos figuran, ademais do proxecto piloto antes sinalado, o desenvolvemento de actividades conxuntas no ámbito da I+D+i que melloren a atención médica dos mariñeiros; proporcionar intercambios de información e datos que resulten de interese para as tres institucións; organizar e executar eventos técnicos e científicos; e calquera outra actividade que sexa de interese par estes organismos.