Químicos da USC baséanse na fotosíntese das plantas para crear nanochips para aparatos electrónicos

Actualizado: lunes, 2 abril 2007 21:06

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 2 Abr. (EUROPA PRESS) -

Un equipo de químicos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) pretende simular o proceso de fotosíntese das plantas para crear compoñentes electrónicos moleculares con dimensións nanométricas e que se poidan aplicar en aparatos electrónicos.

Para que estas estruturas sexan interesantes para a súa futura aplicación teñen que ter unha transferencia electrónica moi rápida e deben sobrevivir moito tempo para garantir a súa viabilidade, para o cal os investigadores buscan prestacións como as dos sistemas fotosintéticos naturais como os das plantas ou certas bacterias.

Por iso, segundo explica o profesor Juan Ramón Granja Guillán, coordinador do proxecto, simúlase o proceso da fotosíntese das plantas mediante unhas estruturas denominadas nanotubos, que se preparan a partir de péptidos, compostos formados por aminoácidos pero moito máis pequenos que as proteínas e "polo tanto, moito máis doados de preparar".

Ao respecto, o profesor Granja asegura que é "a primeira vez" que se logran estas estruturas moleculares como compoñentes electrónicos a base de péptidos. "O máis importante e novidoso é controlar as distancias ás que se aproximan os compoñentes fotoactivos, poder dispoñer dunha estrutura supramolecular que organice ese proceso, tal como acontece nas plantas durante a fotosíntese, de maneira que cando lles dá a luz, se produce unha transferencia electrónica", asevera.

UTILIDADE INDUSTRIAL

Os investigadores desenvolven dous sistemas diferentes, un baseado no fenómeno da transferencia electrónica e outro na transferencia de enerxía que terían utilidades industriais porque poden dar lugar compoñentes destinados a diferentes aparatos electrónicos, a nanoxeradores de enerxía ou a biosensores.

Pero a tendencia actual é facer os compoñentes electrónicos cada vez máis pequenos, polo que é preciso buscar as máis altas prestacións con sistemas o máis reducidos posible. Ao respecto, Granxa Guillán indica que se está a superar a etapa dos microchips e se tende cara aos nanochips, o que equivale á mil millonésima parte do metro.

A USC colabora neste proxecto coa Universidade Complutense de Madrid e con investigadores de Alemaña. O equipo compostelano desenvolve os distintos compoñentes e comproba que se comportan correctamente, mentres que os outros grupos se encargan de facer as correspondentes medicións electrónicas a través de equipos especiais que permiten analizar as diferentes capacidades electrónicas destes compoñentes.