Santiago acollerá mañá o III Día Galego do Emprendedor baixo o lema 'A túa idea, a túa empresa'

Actualizado: miércoles, 14 mayo 2008 21:11

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 May. (EUROPA PRESS) -

O III Día Galego do Emprendedor celebrarase mañá en Santiago de Compostela baixo o lema 'A túa idea, a túa empresa' precisamente para proporcionar aos emprendedores galegos pautas para converter un proxecto nunha realidade e animalo a crear a súa propia empresa.

Esta iniciativa, impulsada polo Igape e BIC Galicia, forma parte da campaña 'Emprendemos Xuntos' do Ministerio de Industria e reunirá empresarios, técnicos de desenvolvemento local, emprendedores e estudantes procedentes de toda Galicia.

Durante o encontro un nutrido grupo de expertos en diferentes ámbitos animarán, en particular aos máis novos, a que se lancen á creación dunha empresa, como unha oportunidade de emprego e tamén como unha vía para contribuír ao crecemento económico e social da propia comunidade.

A xornada divídese en varios itinerarios e cada un engloba diferentes temáticas. En xeral preséntanse as principais claves para emprender e prestarase unha especial atención á situación actual e aos restos de futuro do desenvolvemento local, ao tempo que se analizarán as competencias profesionais que deben desenvolver os técnicos en creación de empresas.

No ámbito dos proxectos tecnolóxicos varios expertos tratarán algunhas cuestións que o emprendedor debe valorar antes de poñer en marcha unha iniciativa empresarial de base tecnolóxica. Así, explicarán como saber se unha tecnoloxía interesa ao mercado e se se poderá desenvolver a tempo, como se pode protexer, se hai alternativas á creación da empresa ou como poden os xeradores de coñecemento obter un retorno da inversión sen afogar a futura compañía.