Santiago acollerá un seminario sobre 'Turismo e Novas Tecnoloxías', que inaugurará o mércores Fernando Blanco

Actualizado: sábado, 13 octubre 2007 16:19

Persoal administrativo de entidades e empresas do turismo recibirá formación sobre xestión on-line e optimización de webs no sector

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 Oct. (EUROPA PRESS) -

O Seminario 'Turismo e Novas Tecnoloxías', que pretende dar a coñecer as últimas experiencias de uso das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC) no sector turístico e impartir formación práctica, desenvolverase o 17 e 19 de outubro no Pazo de Congresos de Santiago.

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e o director xeral de Turismo, Rubén Lois, serán os encargados de inaugurar estas xornadas. A conferencia inaugural correrá a cargo do experto en Estudios de Ciencias da Información e a Comunicación Oriol Mirabell, quen abordará o novo paradigma das TIC no turismo.

O seminario, organizado pola Consellaría de Innovación e Industria en colaboración con EGANET, está dirixido ao persoal das distintas administracións públicas e entes privados relacionados coa ordenación, planificación, promoción e comercialización do produto turístico en Galicia.

CONTIDOS.

Os obxectivos deste evento son, segundo informou hoxe Innovación, "dar a coñecer experiencias nas que grazas á incorporación das novas tecnoloxías da comunicación se creou un novo produto turístico ou outorgouse un valor engadido aos xa existentes" --aplicacións de mobilidade, xeorreferencia, planimetría dixital, promoción por medio de bluetooth, TDT, etc.--, así como proxectos que diferentes empresas galegas están a desenvolver nese terreo.

Á vez, impartirase formación práctica para mellorar a xestión e a rendibilidade das páxinas web turísticas, e abordaranse temas como a xestión on-line dun destino turístico.

O venres 19 de outubro, día da clausura e entrega de diplomas de asistencia, celebraranse previamente dous talleres: un sobre como posicionar un espazo en internet e outro sobre como contratar unha web de calidade. Tanto o prazo de inscrición como o auditorio e o número de prazas ampliouse ante a demanda do sector.

A solicitude de inscrición poderá facerse aínda o luns, para o que os interesados poderán recorrer á web oficial da Consellería de Innovación e Industria (www.conselleriaiei.org) ou recorrer ao fax (981.544865).

GPS PARA TURISMO RURAL

Durante a celebración do seminario 'Turismo e Novas Tecnoloxías' presentarase o programa 'Desenvolvemento de rutas GPS para o turismo rural', financiado pola Consellería de Innovación e Industria e desenvolvido polas empresas Dimensiona e Dehistoria. Nunha primeira fase vaise aplicar no municipio de Ames (A Coruña).