Un sistema de xestión busca as mellores localizacións para un parque eólico e optimiza os implantados

Actualizado: domingo, 3 agosto 2008 14:51

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3 Ago. (EUROPA PRESS) -

Un sistema de xestión, baseado na combinación de varias ferramentas informáticas e aproveitando os Sistemas de Información Xeográfica (SIG), permite avaliar as zonas óptimas para implantar un parque eólico, coñecer información sobre a xestión de permisos, realizar simulacións e ata optimizar os recursos dos xa operativos, con sistemas de repotenciación.

Esta tecnoloxía foi desenvolvida por Davisa, empresa de enxeñaría situada en Vigo e especializada no desenvolvemento e xestión de proxectos de plantas de xeración de enerxía con sistemas renovables, nun proxecto no que contou co apoio da Consellería de Innovación e Industria.

Segundo explicou a Europa Press o enxeñeiro Pedro Pérez, socio-director de Davisa, os parques eólicos "contan cun compoñente xeográfico especialmente relevante" e a identificación do recurso, as análises multicriterio, as restricións e afeccións, así como as redes viarias e de evacuación de enerxía son "campos nos que as SIG mostran a súa potencialidade para a xestión eficiente da información".

Pedro Pérez subliñou tamén que a explotación da base de datos xeográficos e alfanuméricos a través das SIG "permite mostrar e actualizar de forma inmediata a información, converténdose nunha ferramenta indispensable para a toma de decisións durante o desenvolvemento, implantación e explotación dos proxectos de parques eólicos".

Así mesmo, o sistema permite cotexar as zonas seleccionadas por un promotor con mapas de vento, concesións mineiras ou con posibles restricións no ámbito como espazos protexidos, pendentes ou núcleos de poboación.

SEGUIMENTO

A todo iso engádese a posibilidade dun seguimento das xestións cos propietarios e o xestor do proxecto do parque eólico dispón de información gráfica de doada interpretación, o que redunda en axilizar os procesos de toma de decisións.

No Sistema de Información Xeográfica incorpórase igualmente toda a infraestrutura do parque, as súas características técnicas e servidumes, para o que é necesario facer un procedemento sobre o desenvolvemento do proxecto de execución e compatibilizar en orixe ferramentas e métodos CAD con SIG.

Davisa desenvolveu dúas iniciativas deste tipo, unha -con ACT-AYESA, para implantar o Sistema de Información Xeográfica no proxecto dun parque eólico para Endesa cogeneración e Renovables, finalizado a principios deste ano e que xa se atopa en fase de garantía de mantemento.

A outra desenvólvese en colaboración coa Universidade de Vigo para implantar métodos de traballo e aplicacións do SIG no sector da enerxía eólica, que está pendente de conseguir unha ampliación de apoio para poder empregar ferramentas de software libre e non académico.