Un total de 36 finalistas optan o 22 de maio aos galardóns da quinta edición dos Premios Eganet

Actualizado: sábado, 17 mayo 2008 14:46

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 May. (EUROPA PRESS) -

Un total de 36 finalistas, catro por cada unha das nove categorías, aspiran a ser galardoados na quinta edición dos Premios Eganet, outorgados pola Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías. A gala de entrega, que inicialmente fora anunciada para o día 19, finalmente celebrarase o próximo xoves día 22 en Santiago de Compostela.

Os apartados que se distinguen son os premios 'e-emprendedores', 'Software Libre', 'Cultura Dixital', 'Comunicación Web Empresarial', 'Sociedade Web', 'Aplicación on-line', 'E-Commerce', 'Publicidade on-line' e 'Tecnoloxía Accesible e Segura'.

Os Premios Eganet 2008 inclúen, ademais destas nove categorías, o galardón 'Especial', que a asociación outorga ao proxecto, entidade ou personalidade galega que, dende a última edición do certame, se esforzara en dar a coñecer e impulsar a realidade galega no ámbito tecnolóxico e de internet.

A organización expuxo que, neste caso, non se reciben candidaturas, senón que é a propia Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías a que elixe de xeito directo ao premiado ou premiada.

Ademais, consciente das dificultades que deben atravesar os proxectos empresariais para permanecer no sector TIC debido á rapidez coa que cambian a tendencias e a constante innovación, Eganet realizará na súa propia gala de entrega de premios un recoñecemento ás entidades socias que levan 10 anos creando e traballando no sector.