Unha empresa galega experimenta con coellos para mellorar a eficiencia de medicamentos contra a artrose

Actualizado: domingo, 21 febrero 2010 18:39

Trabeculae busca "frear" a enfermidade reumática máis común cun estudio microtomográfico que testea a influencia de varios fármacos

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 Feb. (EUROPA PRESS) -

A empresa galega Trabeculae experimenta con coellos artrósicos mediante unha máquina de microtomografía computerizada para analizar as alteracións que se producen no óso subcondral, --que se atopa debaixo da cartilaxe--, e poder estudar despois a influencia que teñen catro medicamentos cos que "frear o desenvolvemento da artrose".

Así explicouno en declaracións a Europa Press o director de I+D+i e conselleiro delegado de Trabeculae, José R. Caeiro, quen explicou que deste xeito se intenta ver "cáles son os cambios que se producen na cartilaxe e o óso coa influencia da artrose mediante un sistema de Micro Tac", unha tecnoloxía sanitaria de exploración de raios X que produce imaxes detalladas de cortes axiais do corpo.

Tras isto, aplícanse os medicamentos aos animais para "testear dun xeito moi fiable" os efectos que teñen sobre a cartilaxe e o óso. Para iso emprégase un sistema de microtomografía computerizada, unha técnica de imaxes en 3 D de alta resolución que permite coñecer a arquitectura do óso, e que Caeiro definiu como "o punto forte" da empresa.

Na actualidade, a artrose é a enfermidade reumática máis común entre persoas de avanzada idade e está motivada polo desgaste da cartilaxe. As mulleres son o grupo de poboación máis afectado por esta patoloxía que como indicou Caeiro crecerá de forma significativa ao longo dos próximos anos polo que é "unha prioridade" avanzar no seu estudio.

O equipo de traballo de Trabeculae que estuda este proxecto está formado por unhas seis persoas entre técnicos, enxeñeiros informáticos e investigadores, que recentemente pasou a formar parte da Rede Biotega, a Plataforma Tecnolóxica Galega de Biotecnoloxía da Consellería de Innovación e Industria da Xunta.

52 COELLOS

Deste xeito, o estudio conta cunha mostra de 52 coellos artrósicos que se dividen en seis grupos de traballo, para o seu coidado, Trabeculae ten a colaboración da Facultade de Veterinaria da USC en Lugo, que se encarga tamén da realización de análises secundarias de laboratorio.

Así mesmo, Caeiro remarcou que esta liña de investigación é "bastante novidosa" no sentido de empregar un Micro Tac en avaliación da doenza en canto ás series de traballo que se están a realizar no Estado. Aínda que tamén quixo chamar a atención sobre o traballo de dous "moi bos investigadores galegos" que loitan contra a artrose co emprego doutras técnicas, como son o reumatólogo de A Coruña Paco Branco e o xefe do Servizo de Reumatología del Hospital Clínico de Santiago, o doutor Gómez Reino.

Este proxecto foi premiado en 2009 cunha bolsa da Fundación Saúde 2000 e conta ademais cunha axuda da Xunta de Galicia. Así, o tempo de estudio do programa ten unha duración de dous anos coa posibilidade dunha prolongación doutro ano máis.

FRACTURAS DE ESCAFOIDES

Por outra banda, Trabeculae desenvolve tamén un sistema de análise de textura de imaxes radiográficas dixitalizadas para valorar a consolidación de fracturas de escafoides, un óso do pulso que, segundo indicou Caeiro, "aos traumatólogos lle dá bastante a lata".

Así, esta técnica implementar a tecnoloxías tradicionais para observar a situación do óso, como son as radiografías normais e os escáneres Tac. Para iso aplícase unha análise textural da imaxe, que permite estudar diversas variables morfolóxicas do óso co fin de "mellorar o diagnóstico de consolidación da factura", e poder saber en qué momento curou.

Neste traballo, que se desenvolverá ao longo de 2010, emprégase un software informático chamado 'Q-bone', o cal a través de algoritmos matemáticos busca progresar no diagnóstico médico.