Unha empresa galega pon en marcha en Navarra unha experiencia piloto para coordinar a todas as policías locais

Actualizado: lunes, 30 junio 2008 14:16

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 30 Jun. (EUROPA PRESS) -

O Goberno de Navarra, a través da Dirección Xeral de Interior, contratou a empresa galega eLABORO SL para a implantación dun "innovador" sistema que coordinará de forma "efectiva" a todas as policías locais da Comunidade Foral.

A iniciativa é unha experiencia piloto baseada no software libre, e na implantación dun novo sistema chamado 'ePATROL' na localidade navarra de Milagro, co obxectivo de "axilizar, simplificar, homoxeneizar e automatizar" o traballo diario de este colectivo.

Así, o Goberno navarro será o primeiro do Estado en poñer en marcha a nova versión deste sistema "pioneiro", que xestionan todos os procedementos administrativos relativos á Policía Local ao longo de todo o proceso, e que se coordina con todas as unidades administrativas relacionadas.

O proxecto está dirixido a mellorar a xestión administrativa policial, polo que, se os resultados son os esperados, o Goberno navarro incorporará o sistema 'ePATROL' á xestión ordinaria dos corpos da policía desta comunidade.

O 'ePATROL', como sistema de información corporativa, ademais de atender ás necesidades de xestión administrativa, inclúe solucións de mobilidade en tempo real, que permiten a súa futura implantación en diversos ámbitos.

COORDINACIÓN POLICIAL.

O proxecto creado pola empresa galega eLABORO SL permite a coordinación de diferentes unidades policiais, polo que así os distintos concellos poderán compartir información e ampliar a difusión de avisos, como por exemplo, unha orde de afastamento ou o roubo dun vehículo.

A posta en marcha desta iniciativa incorpora a posibilidade tamén de facelo "á medida" de cada cliente, o que permitirá que se adapte ao xeito de traballar de cada unidade policial.