23 de septiembre de 2019
24 de febrero de 2008

Unha plataforma Wimax coordinará e xestionará as bases de medios aéreos dos distritos forestais galegos

Wireless Galicia cre posible transferir esta tecnoloxía a outros sectores como pesca, turismo, teleformación ou acceso rural a Internet

SANTIAGO DE COMPOSTEla, 24 Feb. (EUROPA PRESS) -

Unha plataforma de telecomunicacións Wimax, probada con éxito por Wireless Galicia, constituíu o programa piloto polo que se convocou un concurso público para contratar o servizo que permitirá á Consellería de Medio Rural, a partir de agora, coordinar e xestionar as bases dos medios aéreos dos distritos forestais da Comunidade galega con esta tecnoloxía punteira.

Hai dous anos esta empresa galega, no marco do Plan Galego de I+D+i, utilizou a base aérea de Toén (Ourense), situada a uns 11 quilómetros da capital de provincia, seleccionada pola Consellería do Medio Rural polo seu interese estratéxico -localización remota sen comunicacións de datos- para situar un proxecto piloto.

Segundo explicou a Europa Press un dos impulsores do proxecto, Xurxo Cegarra González, esta plataforma permite entre outros moitos servizos "a videovixiancia" nas bases de medios aéreos dos distritos forestais, "cun control centralizado" dende o centro de coordinación localizado en Santiago de Compostela, o que ofrece gañar operatividade e eficiencia ao dispositivo contra incendios.

Xurxo Cegarra referiuse "á importante mellora" que introducirá esta ferramenta, pois ata o momento "a comunicación nestes lugares era limitada, ben a través de teléfonos móbiles ou cun sistema de emisoras que non permiten a transmisión de datos". "Esta plataforma achegará moita calidade", reiterou.

BASE AEREA DE TOEN.

A base aérea de Toén, onde se implantou a iniciativa piloto, está formada por unha caseta de madeira, varias casetas móbiles de obra, a pista de aterraxe, o depósito de combustible e o de auga, cunha torre de vixiancia situada a 500 metros.

A plataforma de comunicación está formada por dous radioenlaces Wimax nas bandas libres de 5,4 GHz e 2,4 GHz, respectivamente, que interconectan a base de medios aéreos de Toén coa Delegación Provincial da Xunta de Galicia en Ourense. A este equipamento hai que engadir unha cámara IP tipo PTZ protexida por unha carcasa estanca, xunto cos mecanismos necesarios para dispoñer de acceso a Internet e á rede corporativa na base aérea.

Tras esta experiencia, Wireless Galicia considera que é posible a transferencia destes resultados exitosos a outros sectores da economía galega, tales como a pesca ou o turismo, pasando por actividades de teleformación ou acceso rural a Internet. Neste sentido, a compañía galega levou a cabo unha segunda experiencia piloto no Parque Natural das Illas Atlánticas, extrapolando moitas das conclusións realizadas para o medio rural.

A empresa cre que esta iniciativa reforza a súa filosofía á hora de orientar os seus proxectos de I+D+i cara a unha aplicación directa dos resultados da investigación na Comunidade galega, producíndose retroalimentación, especialmente nos sectores con maiores necesidades ou de maior calado estratéxico, como medio rural, medio ambiente, naval ou sanidade.