2 de abril de 2020
16 de diciembre de 2008

Unha reportaxe sobre a limpeza de costas tras o 'Prestige' recibe o VI Premio de Xornalismo Científico

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Dic. (EUROPA PRESS) -

A xornalista coruñesa Pilar Mera --redactora de La Opinión-- resultou hoxe gañadora do primeiro premio do VI certame de Xornalismo Científico Galicia Innovación, pola súa reportaxe sobre o emprego de métodos de biorremediación na limpeza de costas tras as catástrofe do 'Prestige'.

Así mesmo, o equipo do programa "Efervescencia" da Radio Galega --composto polos científicos Manuel Vicente, Marta Vila e o actor César Goldi-- recibiu o segundo premio do certame pola súa entrevista ao investigador da Universidade de Vigo Miguel Ángel Correa, sobre o seu estudio dos nanotubos de carbono.

O acto de entrega de premios tivo lugar esta tarde en A Coruña e foi presidido polo director xeral de I+D+i, Saustiano Mato da Igrexa, que valorou "a calidade xornalística", "o rigor científico" e "a repercusión social do tema" --no caso do Prestige--; e o "importante traballo de divulgación da ciencia cunha linguaxe accesible para a xente" --no caso do programa radiofónico--.

Por outro lado, o xurado fixo unha mención especial aos traballos 'Nace a primeira falante artificial de galego' e 'O futuro da televisión dende Conxo', redactados polo xornalista Manuel Vilas López e onde as novas tecnoloxías copan o protagonismo.

O galardón, que ten o obxectivo de estimular a produción de textos especializados en materia científica e de innovación, está dotado con 5.000 euros para o primeiro premio e con 2.300 euros a repartir entre o segundo e o terceiro posto.