Unhas xornadas fomentarán a participación galega nas iniciativas de I+D+i do Fondo Tecnolóxico Europeo

Actualizado: sábado, 5 septiembre 2009 18:28

O acto dará a coñecer as novas modalidades de proxectos integrados, de cooperación entre pymes e interempresas

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 5 Sep. (EUROPA PRESS) -

As xornadas 'Colaborar para innovar', acto central do Ano Europeo da Creatividade e da Innovación, buscarán estimular a participación dos axentes galegos nos proxectos de I+D+i que financia o Fondo Tecnolóxico da Unión Europea (UE).

Ao evento, que organiza a Consellería de Economía e Industria o próximo día 16 --no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago--, asistirán representantes das tres universidades, centros tecnolóxicos, organismos públicos e de investigación e empresas.

Todos eles teñen un "papel protagonista" na tarefa de implantar "unha nova estratexia común de desenvolvemento económico baseada no I+D", segundo destacou hoxe o departamento autonómico, nunha nota de prensa.

Así, chamou a atención sobre os máis de 450 millóns de euros que o fondo tecnolóxico comunitario destina a estes fins dende 2007 e ata o próximo ano 2013. Polo momento, un total de 39 empresas galegas beneficiáronse de axudas por valor de 8,4 millóns, a maioría delas a través de iniciativas xeradas por plataformas tecnolóxicas da comunidade.

Co obxectivo de incrementar o aproveitamento destas subvencións, Economía e Industria dará a coñecer os instrumentos a través dos que se pode optar a diferentes sumas, así como os servizos de apoio da Administración e unha serie de exemplos nos que xa se inverteu.

CENTRO PARA O DESENVOLVEMENTO TECNOLÓXICO INDUSTRIAL

A inauguración contará coa presenza do responsable desta consellería, Javier Guerra, e do director xeral do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) --que depende do Ministerio de Ciencia e Innovación--, Maurici Lucena Betriu.

O CDTI, que é un dos organismos que xestiona unha maior dotación deste fondo, encargarase de expoñer as vías a disposición da industria, que son os proxectos individuais de I+D --tradicionais-- e as modalidades novas de proxectos integrados, de cooperación entre pymes e de cooperación interempresas nacional.

Pola súa banda, a Xunta de Galicia --que subscribiu un convenio co CDTI-- explicará os métodos que competen ás autoridades da Comunidade Autónoma.

INTERACCIÓN

Por outra banda, o programa tamén reserva un espazo para os organismos de intermediación como dinamizadores do I+D+i, entre os que destacan redes, clústers, asociacións ou confederacións. "--Entes-- que propician a interacción entre o ámbito científico e o tecnolóxico", subliñou a consellería.

Para concluír, un representante do proxecto 'Disonancias' --recoñecido pola Comisión Europea como exemplo de boas prácticas-- protagonizará unha sesión dirixida a introducir técnicas de innovación nas organizacións a través da colaboración entre artistas e axentes do sistema de I+D.