A USC convoca un concurso que galardoará as ideas creativas que solucionen pequenos problemas cotiáns

Actualizado: jueves, 25 junio 2009 15:37

Entregaranse tres premios, de 1.500, 1.000 e 500 euros, e terase en conta a viabilidade, sostenibilidade e orixinalidade da idea

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 Jun. (EUROPA PRESS) -

A vicerrectora de Investigación e Innovación da Universidade de Santiago (USC), María José Alonso, presentou hoxe a primeira convocatoria do premio 'A USC crea, a USC innova', que galardoará as ideas "orixinais e creativas" que solucionen "pequenos problemas do día a día".

Segundo indicou María José Alonso, ao concurso, o prazo de presentación do cal rematará o 30 de setembro, poderán presentarse todas as persoas que estean ou estiveran vinculadas á USC e nel premiaranse aquelas iniciativas que estean en fases avanzadas de deseño ou xa rematadas e que sobresaian pola súa creatividade e innovación "á hora de afrontar" problemas concretos e cotiáns.

Na selección de propostas teranse en conta criterios como o carácter innovador, o creativo, a viabilidade e madureza, a sostenibilidade, o impacto e a proxección.

A temática das propostas poderá estar relacionada coa xeración de coñecemento, a educación, a cultura, a formación, a solidariedade, a divulgación, a docencia, a investigación, o deporte, a vida universitaria ou a xestión de calquera destes aspectos.

Como máximo, o concurso recoñecerá tres accións, un primeiro premio dotado de 1.500 euros, un segundo con 1.000 euros e un terceiro premio que levará consigo unha gratificación de 500 euros.

"PEQUENAS IDEAS"

O obxectivo desta iniciativa, promovida tamén polo Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía, é que a innovación "non debe guiar só as grandes ideas que desembocan" na creación dunha empresa de base tecnolóxica" ou "nun cambio de paradigma", se non tamén "nas pequenas ideas que de xeito creativo melloran a vida diaria".

O xurado que decida os premios estará presidido polo reitor da USC, Senén Barro, e no estarán presentes representantes da universidade, da dirección xeral de I+D, dos concellos de Lugo e Santiago e do mundo empresarial.