A Xunta achega máis de 35.000 euros á creación dun proxecto que conectará en rede procesos administrativos

Actualizado: sábado, 2 agosto 2008 15:02

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 2 Ago. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Innovación e Industria destinou un total de 35.100 euros ao desenvolvemento dun proxecto da empresa galega Imantia que permitirá intercambiar procedementos dixitalizados entre administracións de distintos concellos galegos, de forma que os sistemas informatizados dun municipio poidan ser utilizados por varias entidades locais.

Segundo explicou a Xunta nun comunicado de prensa, o proxecto, denominado 'CI+DADANS', permitirá crear unha rede entre concellos para compartir a "definición completa" dos procedementos administrativos.

Os principais destinatarios deste instrumento serán os municipios galegos interesados en "aforrar custos e esforzos" na implementación de procesos administrativos a través dun mecanismo que favoreza o uso de ferramentas compartidas e estruturas organizativas.

Para probar o novo sistema, Imantia está a implantar un produto para a xestión de expedientes municipais nunha rede de sete concellos, que constituirán unha plataforma para levar a cabo unha experiencia piloto de validación dos resultados obtidos en CI+DADÁNS.

O equipo que levará a cabo o proxecto procede dun grupo de investigación da Universidade de Vigo (UDV) con "ampla experiencia" en áreas como a racionalización de procesos, os sistemas de intercambio de información e o desenvolvemento de sistemas para a xestión de expedientes.