A Xunta destina 36 millóns a incentivar a investigación industrial e o desenvolvemento tecnolóxico

Actualizado: viernes, 28 marzo 2008 20:45

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 28 Mar. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Innovación e Industria convocou hoxe, a través do Diario Oficial de Galicia (DOG), a orde de axudas dos Programas Sectoriais de Investigación aplicada, PEME I+D e I+D Suma; para os que o departamento que dirixe Fernando Blanco reserva un total de 36.960.000 euros.

Así, mediante esta liña subvencionaranse proxectos de investigación aplicada de equipos do Sistema Público de I+D+i e de centros tecnolóxicos galegos, proxectos de investigación industrial e desenvolvemento experimental de empresas e agrupacións de empresas e proxectos de investigación en colaboración entre os axentes do Sistema Galego de I+D+i.

Ademais, os programas están dirixidos aos sectores de medio rural, medio mariño, recursos enerxéticos e mineiros, medio natural e desenvolvemento sostible, biomedicina e ciencias da saúde, tecnoloxía da alimentación, tecnoloxía dos materiais e da construción, deseño e produción industrial e de automoción, tecnoloxías da información e as comunicacións, sociedade da información, sociedade e cultura e turismo.

Segundo informou Innovación, os beneficiarios poderán ser equipos de investigación de universidades, entes e centros públicos de investigación e organismos públicos de investigación de Galicia, centros tecnolóxicos e empresas privadas que realicen actividades de I+D. Tamén se poderán presentar os proxectos solicitados por distintos axentes do Sistema Galego de I+D nas convocatorias de axuda ERA-NET CIRCLE e ERA-NET AMPERA.

A duración dos proxectos será dun máximo de tres ano e a contía repartirase con axudas de ata 120.000 euros para os equipos de investigación, dun mínimo de 50.000 euros no caso das pymes e de 90.000 euros no caso das grandes empresas.