A Xunta incentiva con 1,45 millóns a dedicación intensiva á investigación universitaria

Actualizado: jueves, 4 diciembre 2008 19:52

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 4 Dic. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Educación achegará un total de 1,45 millóns de euros para incentivar a dedicación intensiva á actividade de investigación universitaria e aproveitar ao máximo a capacidade deste capital humano.

A distribución dos fondos faise de acordo coa intensificación recoñecida para o curso 2008-2009 e en función da capacidade de cada universidade para incorporar novo Persoal Docente Investigador (PDI) ou doutores con perfil investigador. Así, a de Santiago recibirá 690.000, a de Vigo 395.000 e a de A Coruña 364.000.

O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dun convenio de colaboración entre a consellería e as tres universidades para este apoio que contribúe á incorporación de novo persoal docente con perfil marcadamente investigador e á estabilización posdoutoral.

A Xunta destaca que estes obxectivos se traducen na selección competitiva por parte das universidades dos investigadores que intensifican a súa actividade investigadora atendendo a indicadores de produción e competencia científica, así como aos fins da actividade investigadora.

TEMATICA AMBIENTAL

Por outra banda, o conselo tamén autorizou a subscrición doutro acordo entre a Consellería de Medio Ambiente e a Universidade da Coruña para implantar tres cursos de postgrao no ámbito do ambiente.

O departamento autonómico achegará 150.000 euros por considerar que se trata dunha especialización con grande necesidade de cualificación e graves carencias formativas en Galicia. Estes programas promoverán a especialización en Ciencia e Tecnoloxía Ambiental, Enxeñaría da Auga e Química Ambiental e Fundamental.