A Xunta inviste 8,3 millóns de euros en modernizar equipos comerciais e vertebrar o comercio urbano

Actualizado: lunes, 25 febrero 2008 18:23

A convocatoria deste ano enmárcase no Plan de Renovación e Mellora do Comercio Galego que desenvolve a Dirección Xeral de Comercio

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 Feb. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Innovación e Industria destinou un total de 8,3 millóns de euros para a modernización de equipos comerciais e a vertebración do comercio urbano nos distintos concellos galegos, que se reparten en máis de 5,5 millóns para este ano e máis de 2,7 para o exercicio de 2009.

Así, publicáronse hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás corporacións locais para a adecuación e modernización de equipamentos comerciais dentro da liña de colaboración Merca, e para a vertebración do comercio urbano, enmarcado na liña Urbancomer.

Segundo explicou o departamento que dirixe Fernando Blanco, a convocatoria deste ano encáixase no Plan de Renovación e Mellora do Comercio Galego, desenvolvido a través da Dirección Xeral de Comercio.

Neste sentido, o acondicionamento dos equipos comerciais constitúe un elemento "clave" para o desenvolvemento e mellora competitiva do pequeno comercio, buscando a "conxunción" dos intereses dos negocios e do ámbito no que se desenvolve a súa actividade produtiva.

Por este motivo, a consellería ve a oportunidade de establecer liñas de colaboración como Merca, entre esta administración autonómica e os concellos, que sirvan para "modernizar, potenciar e rehabilitar" o comercio nas áreas que son, ou poden chegar a ser, polos de atracción por efectos expansivos para o tráfico comercial.

URBANCOMER.

Por outra parte, Innovación e Industria habilitou hoxe a liña de colaboración Urbancomer, que ten a súa orixe na necesidade de posibilitar medidas que vertebren o comercio urbano, asociado ao desenvolvemento dos eixes comerciais, e potenciar a zona no seu conxunto. Esta iniciativa ten como obxectivo "revitalizar, impulsar ou dotar dunha personalidade propia, atractiva e dinamizadora", o comercio do centro ou de certas partes do núcleo urbano das distintas poboacións.

Segundo explicou este departamento, no marco da liña Merca considérase subvencionable a realización de estudios de mellora da organización, tanto física como funcional, dos mercados retallistas, así como a realización de proxectos de investimento derivadas destes estudios, os investimentos nestes mercados, os proxectos de mellora dos espazos destinados a mercados tradicionais e ambulantes de apertura periódica, e noutros equipamentos comerciais.

Dentro da liña Urbancomer subvencionaranse os estudios sobre a situación do comercio en áreas xeográficas determinadas, co obxectivo de implantar plans de dinamización e mellora, así como a realización de proxectos derivados destes estudios, actuacións de mellora en rúas peonís comerciais ou en eixes comerciais e a creación e mantemento de servizos municipais ou mancomunados de apoio ao comercio, entre outras cuestións.