A Xunta pon en marcha un sistema de seguimento e avaliación periódica da I+D+i do sistema sanitario

Actualizado: sábado, 26 abril 2008 18:42

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Abr. (EUROPA PRESS) -

A Dirección Xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria puxo en marcha un sistema de seguimento e avaliación da I+D+i no sistema de saúde de Galicia que, baixo as siglas de Sisaude, servirá para afondar no recoñecemento e a potenciación do labor desenvolvido polos investigadores dos centros públicos galegos.

Ademais, segundo indicou Sanidade nun comunicado, exercerá tamén o labor de afondar nos obxectivos de "equidade, transparencia e información" á sociedade; á vez que favorece os avances na "calidade" e a "pertinencia" da información recollida e da súa actualización.

Precisamente, esta actualización permitirá "un mellor coñecemento e análise" da actividade investigadora en biomedicina e ciencias da saúde, tanto a nivel de cada centro sanitario coma a nivel de Galicia. Polo tanto, tamén serán identificables as posibles áreas deficitarias e que necesitan "maiores esforzos de melloría".

De tódolos xeitos, o departamento que dirixe María José Rubio destacou que a análise de todos estes indicadores de actividade redundará nunha "maior eficiencia" das actuacións.