A Xunta presenta en Boiro (A Coruña) os primeiros proxectos resultantes do programa 'Memoria de muller'

Actualizado: sábado, 5 julio 2008 20:29

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 5 Jul. (EUROPA PRESS) -

A directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, presentou hoxe en Boiro (A Coruña) os dous primeiros proxectos --dous videos realizados con montaxes fotográficas-- elaborados no marco do programa 'Memoria de muller', promovido pola Consellería de Innovación e Industria.

Con esta iniciativa do departamento autonómico preténdese propiciar un achegamento das mulleres ás novas tecnoloxías e á Sociedade da Información e reducir así a barreira dixital, especialmente notable nas mulleres de zonas rurais.

No programa participan un total de 27 concellos galegos, nos que se traballa con grupos de mulleres maiores de 50 anos que elaboran un video con imaxes e fotografías propias ás que se engade logo a narración das súas experiencias dende unha perspectiva de xénero.

Con este tipo de actividades, Innovación pretende ademais contribuír a recuperar a memoria histórica persoal, social e cultural de cada municipio a través dos relatos das mulleres participantes.