A Xunta e a USC desenvolverán tecnoloxías para o tratamento e recuperación de recursos de augas residuais

Actualizado: jueves, 28 agosto 2008 21:44

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 28 Ago. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Innovación e Industria asinará un convenio de colaboración coa Universidade de Santiago (USC) para o desenvolvemento do proxecto 'Novedar' que consiste no desenvolvemento, implementación e avaliación de tecnoloxías para o tratamento e recuperación de recursos de augas residuais.

O Consello da Xunta autorizou hoxe a Innovación a asinar o convenio de colaboración para cofinanciar o proxecto 'Novedar', aprobado polo programa 'Consolider-Enxeño 2010', durante a súa vixencia no período 2008-2012.

O proxecto está participado por 11 grupos de investigación de universidades españolas e holandesas e conta cunha dotación presupostaria de 4,5 millóns de euros para cinco anos.

A achega da consellería alcanza os 70.000 euros, un 47 por cento do presuposto total para esta anualidade. As achegas deste departamento para os seguintes anos serán fixadas unha vez definido o importe das actividades que se van desenvolver en cada anualidade.

A USC, a través do grupo de investigación de enxeñaría ambiental e bioprocesos, lidera o proxecto en que participan outros 10 grupos de investigación das universidades de Cantabria, Barcelona, Cádiz, Girona, Valencia, Murcia, Valladolid, Delft e Wageningen (Holanda), así como o Centro de Estudios e Investigacións Técnicas de Guipúzcoa.

'Novedar' inclúe un programa de actividade investigadora integral centrado na concepción sustentable das plantas de tratamento de augas residuais cunha orientación tecnolóxica enfocada, entre outros fins, a minimizar os consumos de enerxía e produción de lamas, mellorar a seguridade e fiabilidade das plantas e recuperar recursos --incluíndo auga, nutrientes, enerxía e outros--.

A participación da USC engloba tarefas de coordinación, actividades científico-tecnolóxicas e de formación. Como coordinadores do proxecto, o grupo de investigación da USC é o encargado de planificar e organizar as reunións periódicas do equipo de traballo, de xestionar a distribución do presuposto e de facer un seguimento do cumprimento dos obxectivos.