Beatriz Pino asegura que as rebaixas fiscais da Xunta son "un plaxio absoluto" do programa de Ciudadanos

Beatriz Piñeiro, cabeza de lista de Cidadáns ao Congreso pola provincia de Pontevedra, pousa para unha entrevista con Europa  Press.
EUROPA PRESS - Archivo
Publicado: domingo, 20 octubre 2019 18:34

   Avanza que o partido formará tras o 10N unha nova xunta directiva en Vigo, na que estará "parte desa xente" que esta semana dimitiu

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Oct. (EUROPA PRESS) -

   A cabeza de lista de Ciudadanos por Pontevedra, Beatriz Pino, asegurou que as rebaixas fiscais aprobadas pola Xunta de Alberto Núñez Feijóo para o 2020 son "unha copia directa" e "un plaxio absoluto" do programa electoral do seu partido.

   Nunha entrevista concedida este domingo a Radio Nacional, recollida por Europa Press, Pino ironizou con que lle fai "moita graza" e está "encantada" de que a formación laranxa "teña o traballo feito para o PP de Galicia".

   Nunha semana na que o Goberno galego levou ao Parlamento o seu proxecto de orzamentos autonómicos, que inclúen rebaixas fiscais para a adquisición de vivendas no rural e a exención do imposto de sucesións a herdanzas de até un millón de euros, a candidata de Ciudadanos a revalidar o seu escano atreveuse a dicir "que o 90 por cento" das medidas que aborda a Xunta xa as presentou o seu partido "hai tempo".

   "Está ben que, se non son capaces de desenvolver outro tipo de medidas, teñan que apoiarse nos programas doutras formacións", manifestou Pino.

"EMERXENCIA NACIONAL" EN CATALUÑA

   Durante a entrevista, a que foi deputada de Ciudadanos durante esta errada XIII lexislatura tamén advertiu da "emerxencia nacional" vivida estes días en Cataluña tras o coñecemento da sentenza do 'procés' e evidenciou que o presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, "non está a facer nada" para solucionalo porque "está a ser superado pola situación".

   Neste contexto, Pino relatou como unha persona que coñece que vive en Barcelona lle trasladou "a gravidade" do sucedido nesta cidade, que é "unha situación absolutamente de guerrilla nas rúas". "Pasan os días e as noites e seguimos igual, soamente estamos en mans dunha actuación brillante por parte da Policía", apostilou.

   De cara ás eleccións xerais do próximo 10 de novembro, a número un ao Congreso por Pontevedra dixo ser "consciente" do "hartazgo" da xente debido á repetición electoral e augurou unha campaña "moito máis comedida en medios" e "en gastos", aínda que estarán "na rúa, como sempre".

   A pesar de que as enquisas non prevén un panorama favorable para o partido de Albert Rivera en Galicia, xa que poderían perder os seus dous deputados --uno pola Coruña e outro por Pontevedra--, Beatriz Pino afirmou que "a única enquisa válida" é a da "propia noite electoral", xa que Ciudadanos "sempre que sae ás urnas sempre crece". Por iso, mostrouse "moi optimista" e vaticinou que isto "vai volver a pasar" o 10N.

DIMISIÓNS EN VIGO

   Preguntada sobre a dimisión de catro dos sete membros da directiva do partido en Vigo ocorrida esta semana, descartou que sexa unha polémica "que se teña que ocultar", xa que se trata simplemente de "unha pedra no camiño".

   Con todo, quixo puntualizar que o primeiro en formalizar a súa marcha foi o coordinador, Gregorio García, polo que, salvo neste caso, o resto das persoas "deciden dar un paso atrás por discrepancias absolutas" con el e tamén por "motivos persoais".

   En calquera caso, avanzou que o partido formará unha nova xunta directiva en Vigo tras as eleccións do 10 de abril na que estará incluída "parte desa xente que se foi".

   En clave autonómica, Beatriz Pino fixo referencia a algúns retos que atravesa a Comunidade galega nestes momentos. Sobre a central de Endesa nas Pontes (A Coruña), achacou o anuncio do peche en 2020 a unha "grave falta de previsión" por parte dos sucesivos gobernos de PP e PSOE.

   Ademais, en referencia ao financiamento e á débeda de 700 millóns que reclama a Xunta ao Estado, tachou de "vergoña" que o presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, dixese no Congreso que se as comunidades querían esas partidas "pouco menos" que tiñan que "votalo e investilo". "Iso é inadmisible", sentenciou.