Feijóo pide non deixar "ás carambolas ou os pactos" o futuro de Galicia: "O 12 de xullo todos ás urnas!"

Feijóo participa nun mitin no Carballiño (Ourense)
PPDEG
Publicado: viernes, 3 julio 2020 21:21

Baltar tamén apela á mobilización e lembra que Fraga perdeu a Xunta en 2005 por que lle faltou un escano para a maioría absoluta

O Carballiño (OURENSE), 3 Jul. (EUROPA PRESS) -

O presidente da Xunta e candidato do PPdeG á reelección, Alberto Núñez Feijóo, pediu este venres que "todos" os galegos vaian votar o próximo 12J porque está en xogo "o futuro de Galicia" e este non pode quedar "á sorte, ás carambolas, aos sorteos ou aos pactos" de "dez ou doce partidos".

"O 12 de xullo todos ás urnas!", apelou Feijóo nun mitin no Carballiño (Ourense), ante o Templo da Veracruz, cuxas campás soaron durante a súa intervención. O candidato popular, que iniciou e finalizou a súa intervención cunha chamada a que "ninguén quede en casa" o domingo electoral, interpretouno como unha metáfora do "solemne" do seu discurso.

"O 12 de xullo necesitamos a Galicia para que Galicia decida que quere facer con Galicia", remarcou do presidente galego, quen, máis aló das siglas, pediu o apoio dos votantes doutras formacións, como o PSOE, que poidan estar desencantados. Aos seus, instoulles a "falar coa xente" para buscar apoios para o proxecto popular.

"Todo está preparado para votar de forma tranquila, pero nada está decidido. É importante votar, porque quedar en casa pode servir para que salga xusto o contrario do que queremos. Votar é importante", sentenciou, antes de volver alertar de que Galicia "non poderá soportar" que goberne "un multipartito".

Por iso, ademais de aludir ao bipartito que dirixiu a Xunta entre 2005 e 2009, o dirixente popular pediu o voto "co aval do feito" para abordar "todo o que queda por facer". "Pídovos que vaiamos votar e que nos unamos nas urnas por unha Galicia estable, que non perda a perspectiva do importante, que vaia unida cara adiante e que non se fragmente", proclamou.

"EU CUMPRÍN CON GALICIA"

"O que sementemos recollerémolo en 2024, que ninguén quede na casa", remarcou o candidato popular, antes de reivindicar a súa xestión. "Eu cumprín con Galicia", aseverou, antes de precisar que o que di "pode gustar máis ou menos", para defender, ao tempo, que "nunca" prometeu "imposibles" pero si fixo "o posible" para que Galicia avanzase.

Neste sentido, salientou que, baixo o seu mandato, "baixou o paro" e houbo crecemento económico. "E agora, os galegos saben que se confían en nós poderemos aplicar, desde o día seguinte, un programa concreto para traballar por Galicia", engadiu.

No mitin, repasou compromisos do ámbito social, como as medidas fiscais para familias que avanzou esta semana e reivindicou que tamén se continuará outorgando "a Tarxeta Benvida, duplicando as prazas de gardaría" e financiando as casas 'niño' no rural.

"A IMPORTANCIA DUN VOTO"

Feijóo tamén se referiu aos emigrantes, nunha comarca con numerosos membros na diáspora, mentres que o presidente provincial do PP, Manuel Baltar, tamén apelou á mobilización e salientou "a importancia dun voto".

Baltar lembrou que Manuel Fraga perdeu o Goberno en 2005 por quedar a un escano da maioría absoluta e apelou a acudir ás urnas para apoiar ao PPdeG porque "Galicia nesesita catro anos máis de Feijóo", de quen dixo que foi "o mellor conselleiro de Sanidade posible durante a pandemia".