O temporal deixa máis de 700 incidencias en Galicia por neve, caída de árbores, polas e refachos de vento
GUARDIA CIVIL
Publicado: jueves, 14 noviembre 2019 20:36

   A caída de árbores, pólas, avisos por neve e fortes ventos foron os protagonistas do temporal

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Nov. (EUROPA PRESS) -

   O servizo de emerxencias galego rexistrou máis de 700 incidencias en toda a Comunidade debido ao temporal que está a atravesar Galicia este xoves e polo que se activou a alerta vermella en todo o litoral e a laranxa por vento e neve.

   Dende o comezo desta xornada as condicións meteorolóxicas adversas azoutaron as catro provincias galegas. A Coruña foi a máis afectada con 441 incidencias rexistradas, seguida de Pontevedra (190), Lugo (56) e Ourense (30).

   Os efectos do temporal fixéronse notar en Vigo, o concello que máis incidentes contabilizou, un total de 56. Das grandes cidades, A Coruña sumou 44 e Santiago de Compostela 26.

   A caída de árbores e pólas nas estradas foron os incidentes máis repetido, 399 ao longo do día. Ademais, o 112 Galicia recibiu 54 chamadas por danos, 97 de prevención de risco e 9 que correspondían a complicacións por neve.

   As localidades da provincia da Coruña foron as que máis sufriron as consecuencias dunha borrasca que deixou ventos de ata 124 quilómetros por hora. Cambre contabiliza 22 incidentes, tamén exceden a decena os concellos de Narón (17), Carballo (21), Ordes (15) e Culleredo (15).

   Na demarcación pontevedresa os servizos de emerxencias recibiron oito avisos de Ponteareas e sete de Cangas. En Lugo, Barreiros e Vilalba suman cinco e tres alertas. Por último, a cidade de Ourense e a localidade do Carballiño contaron con dúas e catro incidentes respectivamente.

SEN DANOS PERSOAIS

   A pesar de todos os efectos, ningunha incidencia causou danos persoais. Varios particulares de Arteixo (A Coruña) alertaron ao 112 dun "refacho moi forte de vento en forma de remolino", que identificaron como "un tornado". Ao parecer, o aire tirou varias árbores e cables da iluminación pública no Lugar de Santaia de Arriba ao fío das 11,45 horas.

   Pouco antes, ás 11,20 horas o Centro Integrado de Atención a Emerxencias atendeu unha chamada que informaba sobre un alpendre, un hórreo e un valado derrubado polo vento en Ordes (A Coruña) no lugar da Senra.

   Máis tarde, ás 15,20 horas, a Policía Local de Lugo recibiu un aviso pola caída dunha árbore sobre dous turismos na Avenida de Ramón Ferreiro, que tivo que ser cortada durante unha hora e media --mentres os operarios retiraban o exemplar e limpaban a zona--, sen ter que lamentar danos persoais, xa que non había ocupantes no interior.

   O mesmo suceso repetiuse en Ames (A Coruña) e outra árbore sobre a estrada en Mondoñedo impediu que un autobús escolar, con dous nenos abordo, chegase ao seu destino.

CHAMADAS POR NEVE

   En canto á neve, tampouco constan incidentes de consideración no 112 Galicia. Aínda así, os medios dos concellos e da Deputación desprazáronse para a limpeza de varias estradas.

   En Chandrexa de Queixa (Ourense), os servizos sanitarios tiveron que evacuar a un paciente en ambulancia e viron o paso cortado polas condicións meteorolóxicas. Por este motivo, solicitaron medios ao 112 para limpar a vía no lugar de Requixa. Tamén en San Xoán de Río (Ourense), varios coches tiveron que interromper a marcha debido á presenza de neve.

AVISOS EN ESTRADAS

   Na rede viaria, a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) anunciou que camións, articulados e autobuses teñen prohibida a circulación na estrada provincial LU-633 dende o quilómetro 0 (Pedrafita do Cebreiro) ao quilómetro 19 (Triacastela). Mentres que o resto de vehículos deben circular con cadeas ou pneumáticos de inverno.

   Ademais, na autovía que une Ourense e Vigo (A-52) rexistráronse desprendementos de terra á altura do Porriño (Pontevedra) en sentido Vigo, o que fixo a vía intransitable, segundo a DXT.

   Na mesma estrada, a neve dificulta a circulación dende as 20,00 horas entre os quilómetros 112 e 130 en ambos os sentidos, á altura de Vilavella (Ourense). Aquí os camións, articulados e autobuses tampouco poden conducir; os coches que o fagan deben levar cadeas ou pneumáticos de inverno.

CORTE NA LU-6604

   Por outra banda, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, anunciou este xoves que se manterá pechada ao tráfico a estrada provincial LU-6604, na parroquia de Magazos no Concello de Viveiro, ata que non se habilite un dique.

   Tomé concretou que "debido ao temporal" producíronse "desprendementos" nese viario e a caída de terra sobre un camiño municipal "provocou o corte de tráfico".

   "Dende primeira hora está a traballarse nesa estrada, alí tamén está desprazado un equipo da Deputación, un enxeñeiro con máis persoal que avalían os danos para volver reconstruír aquilo que se derrubou", explicou. "Polo que nos din vai ser necesario facer un dique para afirmar ese lateral da estrada e a partir de aí volvela a facer nese treito", puntualizou.

Más noticias