Pontón (BNG) promete "desconfinar" a cultura galega após once anos de "destrución"

A portavoz nacional do BNG e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, mantén un encontro co sector cultural
BNG
Publicado: viernes, 3 julio 2020 14:16

Garante que a CRTVG e o Xacobeo serán "escaparate" para os creadores culturais

A CORUÑA, 3 Jul. (EUROPA PRESS) -

A portavoz nacional do BNG e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, prometeu "desconfinar" a cultura galega despois de padecer, dixo, once anos de "destrución" por parte da Xunta. "A cultura do país necesita unha oportunidade para empezar a reconstruírse", defendeu nun acto con representantes da cultura na Coruña.

Pontón garante que, se gaña as eleccións, a CRTVG será un "o mellor escaparate" para os creadores galegos e denunciou que nos últimos anos deulle " as costas" á cultura e "excluíu" a moitos dos seus maiores expoñentes. Tamén avogou por converter o Xacobeo nunha "oportunidade" para o sector e criticou que nos anteriores fose "unha anécdota".

A líder do BNG, durante a súa intervención no xardín de San Carlos, comprometeuse a crear unha Consellería de Cultura "estratéxica" e que non sexa, criticou, "un apéndice".

Tamén prometeu elaborar nos primeiros cen días de goberno un plan que aborde as "urxencias" da cultura galega. E é que, apuntou, o confinamento supuxo un "retroceso" deste sector.

Ante representantes do sector cultural, Pontón tamén prometeu defender a lingua após "once anos de demolición" derrogando o "decreto da vergoña". A líder do BNG pretende que os galegos estean "orgullosos" da súa lingua e poder reverter que a galega sexa a única, lamentou, "en retroceso na península".

SECTOR CHAVE

Neste acto, o candidato pola Coruña Xosé Luís Rivas garantiu que o BNG defenderá a cultura como "sector chave" e que a respectará "a súa liberdade". Rivas acusou á Xunta de converter á TVG nun "produto alienante" e denunciou que a cultura "molesta ao poder" porque, dixo, "reflicte a crítica da realidade social".

O número tres da lista pola Coruña, Mercedes Queixas, abriu o acto facéndose eco dun estudo do Observatorio da Cultura Galega que marca á cultura como o sector "máis afectado" pola pandemia e engadiu, nun símil sanitario, que o sector xa sufría "patoloxías previas".